A terceira edición de “Descúbreas”, o programa provincial para impulsar o talento feminino na industria musical, péchase este luns cunha gala na sede de Vigo

As oito mozas mentorizadas este ano presentarán durante o evento os seus vídeos e actuarán con Sheila Patricia, acompañadas dunha banda de músicas de apoio

25/06/2023

A sede da Deputación en Vigo acollerá este luns, 26 de xuño, a gala de peche da terceira edición do programa Descúbreas, promovido pola Deputación e Regalamúsica para impulsar o talento feminino na industria musical. No evento, as oito mozas mentorizadas nesta nova edición amosarán os vídeoclips dos temas que teñen gravado, e actuarán xunto á estrela invitada Sheila Patricia, acompañadas dunha banda de músicas. Á gala asistirán as deputadas e os deputados provinciais en funcións, Victoria Alonso, Ana Mejías, Ana Laura Iglesias, Santos Héctor e Gorka Gómez.

Dúas das participantes nas anteriores edicións, Lau (da primeira) e Alba (segunda edición) serán as presentadoras deste acto, no que entrevistarán ás oito mentorizadas deste 2023 para que conten a súa experiencia e amosen os seus vídeos. Elas son Lidia Aldao (do concello de Barro), Arancha Rodríguez González (Pontevedra), Sara Mínguez López (Vigo), Alba Ermida Area (Poio), Lucía Doval (Nigrán), Andrea Garriga (Vigo), Nerea Gándara (Nigrán) e Laura Marino (Ponteareas). A gala contará coa actuación de Sheila Patricia, que cantará dous temas, e logo reunirá no escenario a todas as participantes para interpretar xuntas a canción “Moura”, xunto ás músicas da banda de apoio: Mariña Acuña (batería) Lidia Aldao (teclados) Ana Lucía Fernández (baixo) Paula Rego (guitarra). Amais delas, intervirán tamén as mozas mentorizadas nas anteriores edicións. Deste xeito, as do segundo ano interpretarán o tema Matriarcas, de Guadi Galego e, as do primeiro ano, o clásico I am woman, de Helen Reddy.

A gala pecha esta terceira edición de “Descúbreas”, na que de novo a iniciativa central foi o programa de mentorías no que as oito participantes recibiron o asesoramento de mulleres referentes do sector en Galicia e formación musical transversal a través de distintos obradoiros. Así, as mozas tomaron parte en sesións grupais, unha sobre igualdade, impartida pola politóloga Priscila Retamozo, e outra sobre a industria musical e a imaxe persoal a cargo de Andy González e o equipo de Descúbreas. O resto das mentorías foron individualizadas e amais das citadas profesionais, as rapazas contaron co apoio de María Pérez (MaríaSOA), unha das integrantes do grupo Fillas de Cassandra, que impartiu un taller de composición; Salomé Limón produtora musical gañadora de 5 premios Latin Grammy, que abordou a produción musical; Raquel Seijo, directora de Sweet Nocturna, que ofreceu un taller de organización de festivais; Wöyza, cantante e produtora, que coordinou ás mentorizadas nas  súas gravacións e Patricia Hermida, directora de Dotbeat e presidenta de AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais), encargada das sesións sobre dirección e promoción.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.