Gala de peche da terceira edición do programa “Descúbreas”

A sede provincial en Vigo acolleu na noite do pasado luns 26 a gala de peche da terceira edición do programa “Descúbreas”, promovido pola Deputación e Regalamúsica para impulsar o talento feminino na industria musical.

26/06/2023

Descúbreas. Mentorizadas e Sheila Patricia

Ante un ateigado auditorio, as oito mozas mentorizadas nesta nova edición amosaron os vídeoclips dos temas que teñen gravado ao abeiro do programa, e actuaron xunto á estrela invitada Sheila Patricia, acompañadas dunha banda de músicas. Á gala asistiron as deputadas e os deputados provinciais en funcións Victoria Alonso, Ana Mejías, Ana Laura Iglesias e Gorka Gómez.

O acto estivo presentado por dúas das participantes nas anteriores edicións, Lau e Alba, que foron dando paso aos traballos e ás intervencións das oito mozas mentorizadas: Lidia Aldao (de Barro), Arancha Rodríguez González (Pontevedra), Sara Mínguez López (Vigo), Alba Ermida Area (Poio), Lucía Doval (Nigrán), Andrea Garriga (Vigo), Nerea Gándara (Nigrán) e Laura Marino (Ponteareas). Amais, xunto a Sheila Patricia as participantes interpretaron a canción “Moura”, acompañadas das músicas da banda de apoio: Mariña Acuña (batería) Lidia Aldao (teclados) Ana Lucía Fernández (baixo) Paula Rego (guitarra).

No acto interviñeron tamén mozas mentorizadas nas anteriores edicións para interpretar os temas Matriarcas, de Guadi Galego e I am woman, de Helen Reddy.

Galerias de imaxes