A Deputación organiza o mércores 2 de decembro no Edificio Administrativo o I Foro Transfronteirizo Bauhaus: Inclusión social e coidados no rural

A actividade enmárcase no proxecto Activa Rural Transfronteirizo cofinanciado pola Unión Europea a través do programa Interreg e será retransmitida por streaming a través de DepoPlay

26/11/2026

A Deputación organiza o mércores 2 de decembro no Edificio Administrativo o I Foro Transfronteirizo Bauhaus: Inclusión social e coidados no rural

A Deputación de Pontevedra organiza o mércores 2 de decembro no Edificio Administrativo o I Foro Transfronteirizo Bauhaus: Inclusión social e coidados no rural. Trátase dunha actividade enmarcada no proxecto Activa Rural Transfronterizo, cofinanciado pola Unión Europea a través do programa Interreg, e será retransmitida por streaming a través de DepoPlay.

A través deste foro, que comezará ás 10:00 da mañá, abordaranse os coidados non unicamente como unha cuestión asistencial ou sanitaria, senón como un eixe fundamental da inclusión social, da igualdade de oportunidades e da cohesión territorial. No contexto rural e transfronteirizo, este enfoque permitirá conectar os coidados con cuestións como a autonomía persoal das persoas maiores ou en situación de dependencia, a prevención da soidade e do illamento social, a corresponsabilidade e a perspectiva de xénero, os servizos de proximidade, a innovación social, as redes comunitarias, o reto demográfico e a cooperación transfronteiriza. Tamén se prestará especial atención á identificación e intercambio de experiencias e solucións desenvolvidas en territorios rurais que poidan resultar de interese ou ser susceptibles de adaptación e transferencia a outros territorios.

Neste eido no foro abordaranse cuestións como o apoio da Deputación ao desenvolvemento rural, cohesión territorial e cooperación europea e os retos para un modelo de coidados inclusivo e de proximidade e afondarase en experiencias que están cambiando a forma de coidar no rural e nos retos e as respostas compartidas. Deste xeito preténdese situar os coidados no centro da reflexión sobre o futuro dos territorios rurais, xerando un espazo de intercambio e diálogo entre os diferentes axentes implicados nos ecosistemas de coidados.

Activa Rural Transfronterizo conta cun orzamento de preto de 4,5 millóns de euros, financiado nun 75% don fondos FEDER e cun horizonte de execución ata finais de 2028. Participan no proxecto 17 entidades de España e Portugal entre as que se atopan, ademais da Deputación de Pontevedra, a Universidade de Vigo, a Deputación de Ourense, a Universidade de Santiago de Compostela, a Dirección Xeral de Maiores da Xunta de Galicia, así como as deputacións de León e Cáceres. Pola parte portuguesa, forman parte do proxecto as comunidades intermunicipais do Alto Minho, Alto Tâmega e Barroso, Terras de Trás-os-Montes, Alto Alentejo, Beiras e Serra da Estrela e Beira Baixa, así como os institutos politécnicos de Bragança e Leiría. Ademais, a iniciativa conta con dous socios sen financiamento: o Centro de apoio á innovación tecnolóxica en intelixencia artificial para a transformación dixital e a Deputación de Zamora.