A Deputación aproba recursos por valor de máis de 17.000 euros para que o Concello de Mondariz Balneario mellore o equipamento das instalacións deportivas municipais
Estes recursos forman parte do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que dirixe a Mondariz Balneario preto de 79.500 euros para a mellora das súas dotacións deportivas
20/04/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar recursos por valor de máis de 17.000 euros para que o Concello de Mondariz Balneario mellore o equipamento das súas instalacións deportivas municipais situadas na Avenida Enrique Peinador. A concesión enmárcase no terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns de euros con destino a que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos municipais de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes.
Nestes momentos Mondariz Balneario conta cun centro deportivo integrado por unha pista de fútbol sala, outra de baloncesto, outra de tenis, un conxunto auxiliar de equipos bio-saudables e unha edificación de uso deportivo con vestiarios, a sede dun club de piragüismo, e, entre outros, un local de almacenaxe. Trátanse de instalacións deportivas totalmente reformadas pero carecen do equipamento necesario para o desenvolvemento da actividade deportiva, sendo necesario dotar de xeito completo os vestiarios, a zona do ximnasio e multiúsos e a zona do almacén. Deste xeito, coa axuda provincial rotularanse os vestiarios e dotaranse de dispensadores de xabón, espellos, bancos e, entre outras cuestións, colgadoiros. Na sala de almacén disporanse dous estantes para gardar o material e tamén dúas mesas de tenis-mesa. Completarase a actuación con vinilos que se colocarán en diferentes espazos.
Mondariz Balneario está a recibir no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID) preto de 79.500 euros para a mellora das súas instalacións deportivas. Deste xeito, coas achegas da Deputación, o concello está a impulsar, ademais destes equipamentos, outros iniciativas como a instalación dun punto de reparación e limpeza de bicicletas, mobiliario para o edificio deportivo ou a instalación dun control de acceso e alarma nas instalacións deportivas municipais.