A Deputación inicia esta fin de semana as actividades do programa +Bosques con catro percorridos pola Ruta do río Xabriña e a Ruta da Pedra e da Auga

Este ano a institución provincial duplicou a oferta de percorridos, con actividades que se estenden ata finais de outubro e con todas as prazas esgotadas para participar nas rutas do mes de agosto

01/08/2025

A Deputación de Pontevedra comeza esta fin de semana as primeiras actividades do programa provincial +Bosques, unha iniciativa que promove o contacto directo coa natureza e que permitirá ás persoas participantes, 15 por quenda, gozar das vantaxes dos denominados "baños de bosque". As primeiras actividades que oferta a Deputación e que se celebrarán esta fin de semana son dúas quendas este sábado 2 de agosto na Ruta do río Xabriña, en Covelo, e outras dúas quendas este domingo 3 de agosto na Ruta da Pedra e da Auga, en Meis e Ribadumia. Todas as prazas dispoñibles para participar nas rutas de agosto están completas, esgotándose en cuestión de horas trala apertura da inscrición. O prazo para inscribirse nas rutas de setembro abrirá o próximo 25 de agosto ás 9:00 horas.

A Ruta do río Xabriña destaca pola súa frondosa fraga, un escenario terapéutico polo que corre un regato con rápidos e pequenas fervenzas salpicadas de pontellas, muíños, fontes, corredoiras e pasadizos de musgo que facilitan unha experiencia de mergullo nun bosque caracterizado pola súa frescura. Pola outra banda, na Ruta da Pedra e da Auga os participantes visitarán máis de 30 muíños por este estreito sendeiro paralelo ao río Armenteira, no que atoparán algún paso dificultoso dado o seu desnivel (razón tamén de que se atopen aí tantos muíños). A medida que avance suavizarase a pendente, e trala área recreativa poderán gozar dun confortable paseo xunto ao río xa no municipio de Ribadumia.

Os espazos naturais que forman parte da oferta de +Bosques este ano son a ruta do Xabriña (Covelo) e da Pedra e da Auga (Meis), O Carreirón (A Illa de Arousa), Cabo Udra (Bueu), o Pazo de Lourizán (Pontevedra), a Illa de Tambo (Poio) e o río Eifonso (Vigo). Este ano a Deputación duplicou a oferta de percorridos por estes sete espazos da costa e o interior da provincia, que permitirán coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas, algunhas delas pola tarde, pretenden proporcionar ás persoas participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do "baño de bosque" e a conexión directa en e coa natureza. Deste xeito, promoverase  a estimulación sensorial a través do olfacto, o tacto, a vista, o oído e o gusto, así como realizaranse exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.

Durante este mes tamén se celebrarán quendas da Ruta do Xabriña os días 10 e 23 de agosto, así como outra quenda pola Ruta da Pedra e da Auga o 24 de agosto. Ademais, celebraranse actividades o 9 de agosto no Carreirón, os días 16 e 31 en Cabo Udra, o 17 de agosto na Illa de Tambo e o 30 de agosto no río Eifonso.

Enlaces de interés

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 8 resultados.