A Deputación aproba máis de 550.000 euros para que os concellos de A Caniza, A Guarda, As Neves, Covelo e Soutomaior melloren as súas dotacións deportivas

Estes recursos enmárcanse no III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e permitirán reformar o pavillón das Touzosas na Caniza, mellorar as instalacións do campo da Sangriña na Guarda, dotar de equipamento deportivo o ximnasio da Caíña nas Neves, executar obras de mantemento e conservación do campo de fútbol en Covelo e instalar novas pistas de pádel en Soutomaior

17/04/2026

A Deputación aproba máis de 550.000 euros para que os concellos de A Caniza, A Guarda, As Neves, Covelo e Soutomaior melloren as súas dotacións deportivas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu conta este venres do visto bo a novos recursos do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para os concellos da Caniza, A Guarda, As Neves, Covelo e Soutomaior, que recibirán máis de 550.000 euros para mellorar as súas dotacións deportivas. Ademais destes recursos para estes tres concellos, a Xunta de Goberno do organismo provincial tamén aprobou esta semana outros máis de 790.000 de euros para que A Estrada, Cambados, Marín, Ponte Caldelas e Portas impulsen e melloren dotacións deportivas baixo o paraugas deste plan provincial.

“Dez concellos máis e dez novos exemplos de como o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que reparte 8 millóns entre os concellos de menos de 50.000 habitantes, nos axuda a seguir construíndo a provincia do deporte na que queremos que se converta Pontevedra”, asegurou o presidente da Deputación.

Deste xeito, coa axuda aprobada na Xunta de Goberno para A Caniza, que ascende a 106.000 €, o Concello poderá reformar o pavimento deportivo , a pintura e realizar outras melloras no pavillón municipal das Touzosas. Os traballos que se desenvolverán inclúen a preparación e reparación do actual soporte, a instalación dun novo pavimento deportivo e a execución da marcaxe regulamentaria da pista polideportiva, así como diversos traballos de pintura en portas e varandas. adecuación de elementos de protección como varandas e sistemas anticaídas e o subministro e instalación de equipamento deportivo, incluído un videomarcador electrónica.

Pola súa banda A Guarda, con 138.000 euros poderá financiar melloras nas instalacións deportivos do campo de fútbol da Sangriña. Entre os traballos previstos destaca a ampliación da pasarela existente para facilitar un itinerario accesible ás persoas con mobilidade reducida, así como a execución de novos elementos estruturais de apoio. Tamén se intervirá nos espazos interiores, especialmente na zona de duchas e recuperación, mellorando a distribución, acabados e materiais, ademais de renovar pavimentos e revestimentos en áreas húmidas. Compleméntanse estas actuacións con labores de reparación e pintado, melloras na impermeabilización das cubertas e adaptación das instalacións aos requisitos de salubridade, ventilación e servizos básicos, garantindo un funcionamento máis eficiente e acorde á normativa vixente.

As Neves recibirá 97.000 euros para dotar de equipamento deportivo o novo ximnasio municipal da área deportiva da Caíña. O equipamento seleccionado abrangue máquinas de cardio e musculación, así como material de peso libre de alta calidade, organizado en distintas áreas funcionais: zona de cardio xunto aos ventanais para aproveitar a luz natural, espazo central e laterais para máquinas guiadas e adestramento funcional, e unha zona específica ao fondo para peso libre, forza e actividades tipo HIIT ou crossfit.

Ademais, Covelo contará con 90.000 euros para o mantemento e conservación do campo de fútbol municipal mediante intervencións no terreo de xogo, nas redes de contención, no graderío, nos aseos públicos e no equipamento deportivo. Entre os traballos previstos inclúese a reposición e mellora do céspede artificial e do sistema de rego, a instalación de novas redes de protección nas porterías, a reparación da cuberta da cantina e a adecuación do graderío, incorporando melloras de accesibilidade con novas ramplas e espazos adaptados. Ademais, reformaranse os aseos públicos para garantir a súa accesibilidade e funcionalidade, e dotarase o campo de novo equipamento, como bancos cubertos e marcador electrónico, asegurando en conxunto unhas instalacións máis modernas, seguras e adaptadas ás necesidades actuais.

Finalmente cos 122.000 € dirixidos a Soutomaior, que completará con 141.000 euros do Plan +Provincia 2026-2027, o goberno local a converter a pista de tenis existente na actualidade na parte baixa da zona deportiva da Montesiña en tres pistas de pádel, así como a ampliar a bancada lateral e a cuberta para axustala ás novas dimensións da superficie de xogo. A reforma componse de actuacións previas, como a limpeza e desmonte do terreo, o desmonte dos peches e a demolición e preparación da superficie de actuación. Posteriormente estenderase unha base de saburra artificial seguida do pavimento de formigón poroso, executarase a pista de pádel, instalaranse bancadas, construirase unha estrutura para as gradas, instalarase a cuberta e a fachada lateral, así como a rede de alumeado das pistas e de evacuación de augas pluviais. Completarase a actuación co pintado e vernizado da pista de pádel.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.