A Deputación concentra no Museo de Pontevedra a máis dun cento de representantes de museos de referencia estatal e internacional no IV Encontro de Museoloxía do ICOM
A principal cita da museoloxía en España, que por primeira vez se celebra en Galicia, afondará entre o xoves e o sábado sobre o futuro dos almacéns dos museos
14/10/2025
O Museo de Pontevedra acolle esta semana, do xoves 16 ao sábado 18 de outubro, a cuarta edición do Encontro de Museoloxía ICOM-España, a cita de carácter trienal que reúne representantes dos principais museos españois para debater sobre a súa realidade e tendencias. Máis dun cento de profesionais do sector están inscritos neste evento para analizar o futuro dos almacéns e salas de reserva dos museos, baixo o título "Coleccións almacenadas: (re)definir e (re)organizar. O desafío da sostibilidade medioambiental e social".
O IV Encontro de Museoloxía abordará o estado actual e os desafíos a futuro das coleccións almacenadas e os espazos que as albergan desde unha dobre perspectiva. Por unha banda, a través do estudo e presentación de novos modelos das reservas dos museos, e por outro, a través da redefinición das mesmas, ao amparo de criterios de sostibilidade ambiental e social, que as doten de novos usos e de novos modos de relación entre as institucións museísticas.
O programa do evento contará coa participación de expertos internacionais como Gaël de Cuinchen, membro do grupo de traballo de coleccións almacenadas de ICOM, Víctor Cageao, director das Coleccións Reais, Roman Aebersold, do Museo Nacional Suízo, Juliette Raoul Duval, vicepresidenta de ICOM Europa e Hélène Vassal, directora de coleccións do Museo do Louvre, entre outras figuras de relevancia no ámbito da museoloxía. Tamén participarán directores e directoras dalgúns dos principais museos galegos, como CGAC, Museo das Peregrinacións, Museo Arqueolóxico de Ourense ou Museo de Belas Artes da Coruña, ademais da directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve.
Xunto a conferencias, mesas redonda e debates, o programa inclúe unha visita guiada ao Museo de Pontevedra e a actuación da Coral Polifónica de Pontevedra, que interpretará para os profesionais asistentes os temas "En Ávila mis ojos" (anónimo do s. XV), "Niño Dios d'amor ferido" de Francisco Guerrero e "Si vas a San Benitiño" de Antonio Blanco Porto. A xornada do sábado resérvase para visitas culturais a varios museos en Santiago de Compostela: CGAC, Museo das Peregrinacións, Museo da Catedral e Museo do Pobo Galego.
O Encontro de Museoloxía de ICOM-España é un foro de presentación de experiencias e intercambio de coñecementos entre os profesionais dos museos, que se celebra cada tres anos nunha cidade española. Deste xeito, Pontevedra segue a estela de Madrid, Valencia e San Sebastián, que foron as sedes das anteriores edicións.
A información completa do encontro atópase en https://www.icom-ce.org/iv-encuentro-de-museologia-icom-espana/.
