López acende a iluminación do Nadal na Deputación nunha homenaxe ao interior da provincia e ao bosques autóctonos galegos

“Un Nadal que saia do noso interior” é o lema elixido polo goberno provincial para festexar estas datas cunha decoración construída con elementos vexetais autóctonos que lembran a importancia de coidar o interior da provincia logo dos lumes forestais deste verán

29/11/2025

Luis López acende a iluminación do Nadal na Deputación

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acende o Nadal na provincia de Pontevedra cunha chocolatada aberta a toda a veciñanza no Pazo provincial que sirve como punto de partida a unha ampla programación de Nadal repartida por concellos de toda a provincia e deseñada para todos os membros da familia. Unhas festas que este ano levan por lema "Un Nadal que saia do noso interior" e que marca a decoración, integrada por especies vexetais autóctonas da provincia, do Pazo provincial e os demais edificios provinciais. "Queremos lembrar a importancia do noso interior xeográfico, dos nosos montes, tan afectados este verán polos lumes; e queremos remarcar que o mellor de nós, o noso estilo de vida familiar e o noso carácter acolledor, levámolo no interior", declarou o mandatario provincial antes de premer o botón de acendido do alumeado de Nadal do Pazo provincial.

Un acto no que a Deputación convidou a todos os asistentes a unha chocolatada mentres desfrutaban da música en directo de Xigro´s Big Band e a oportunidade de contemplar unha exposición de 1.200 adornos da colección ViCo fabricados para ser colgados nas árbores de Nadal e que xa foron expostos en diferentes museos de España e Portugal, dun belén e do espectáculo visual das 250.000 luces eficientes que dan forma á iluminación deste ano.

"O Nadal comeza hoxe na provincia co acendido do alumeado nesta casa e nos demais edificios da Deputación e queremos desexarvos un bo Nadal, que desfrutedes destas festas máxicas e que, no que queda do ano e nos vindeiros, saquemos o mellor de nós do noso interior", confesou o presidente neste acto.

Programación de Nadal

Luis López acende a iluminación do Nadal na Deputación

Ademais da iluminación e da decoración do Pazo provincial, a Deputación ten previsto para estas datas unha ampla programación de actividades que inclúe o ciclo de concertos Entradiñas de Aninovo, que comeza este sábado cun concerto gratuíto da Banda Filharmónica de Vigo en San Miguel de Oia e continuará con outras actuacións ao longo do mes de decembro en diferentes concellos da provincia.

No Museo de Pontevedra inaugurarase o 19 de decembro a última exposición do ano: "Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX". A carón desta mostra organizaranse obradoiros para nenas e nenos de 5 a 12 anos que terán lugar os días 12, 26 e 30 de decembro e 2 de xaneiro, a cargo de Sofía Venzel e Míchel Casado, de Comité Ilustrado. O prazo de inscrición abrirase proximamente e nestas actividades a rapazada aprenderá a deseñar publicidade, a crear colaxes, actualizarán retratos decimonónicos e elaborarán o primeiro xornal do ano 2026.