Luis López ve “imprescindibles” na carreira cara a igualdade ás “mulleres que opinan, que loitan, que non se conforman, que revolucionan e que alzan a voz”

O presidente provincial, acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez e a deputada de Igualdade, Paula Bouzós, participa na apertura da novena edición dun encontro de referencia a nivel nacional no xornalismo de opinión e na loita pola igualdade

13/03/2026

Luis López ve “imprescindibles” na carreira cara a igualdade ás “mulleres que opinan, que loitan, que non se conforman, que revolucionan e que alzan a voz”

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de participar este venres no Teatro principal de Pontevedra na inauguración da novena edición do foro xornalístico “As mulleres que opinan son perigosas”, un encontro que reúne cada ano na cidade do Lérez a mulleres de todo o país que son referentes no xornalismo de opinión e na loita pola igualdade real entre mulleres e homes. Unhas xornadas que este ano se celebran entre o 13 e o 14 de marzo e que, segundo afirmou o mandatario provincial seguirán a contar co máximo apoio da Deputación. “Coma esas grandes reportaxes que abren xornais e informativos, esta páxina da historia a estades a escribir en equipo, a moitas mans. Un equipo no que non caben pasos atrás. O titular sabémolo: A nosa meta, a igualdade. Ás Mulleres que opinan quédanlle moitas páxinas por escribir e a Deputación estará ao seu carón, como un apoio sólido e un aliado leal”, afirmou López.

O mandatario provincial, acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez e a deputada de Igualdade, Paula Bouzós, participou nesta mañá de venres no acto inaugural da novena edición á que lle seguiu no Teatro Principal a primeira conversa das organizadoras do evento, Diana Varela e Susana Pedreira, coas columnistas Alba Chaves e Dores Tembrás, gañadoras da terceira edición do premio #MulleresQueOpinan, que promove tamén o ente provincial. A continuación tiveron lugar as primeiras conferencias da quenda da mañá a cargo da xornalista do Diario de Pontevedra, Alba Moledo. Xa para a quenda de tarde estaba prevista as intervencións de Fátima Frieiro, Rebeca Yanke, Carmela Ríos e Remedios Zafra. Mentres que para este sábado o programa inclúe as charlas de Nieves Domínguez, Isabel Coello, Sara morales, Eva Vázquez, Ebbaba Hameida, Andrea Proenza e Helena Resano. “Eu quería limitarme unicamente a darvos dúas cousas: a benvida e as grazas”, dixo Luis López entes de salientar o impacto das organizadoras “Diana e Susana, por esa idea extraordinaria que é vosa, da que ninguén se debe apropiar e que cumpre nove anos”, así como das columnistas convidadas, “por expandir ata Pontevedra a busca dunha igualdade que non entende de fronteiras”; e, finalmente, “ás xornalistas da casa porque demostran cada día que unha sociedade máis xusta e igualitaria tamén se constrúe desde o local”.

Neste sentido, fixo referencia Luis López ao lema impulsado pola Deputación para conmemorar o Día Internacional da Muller. “Unha misión que presentabamos como unha carreira. Unha carreira que comezou hai décadas e na que, malia ter acadado avances significativos, seguimos vendo lonxe a meta da igualdade. E unha carreira que cada ano xunta neste este foro ás mellores columnistas. Nove anos, pero as Mulleres que Opinan aínda seguen sendo perigosas para quen pensa que a Igualdade lles estorba, ameaza ou non vai con eles; para quen nega as diferenzas, a discriminación ou a violencia que aínda soportan a diario as mulleres; e para os non queren ver que na sociedade persisten barreiras que impiden o desenvolvemento pleno das mulleres. Alá eles. Para nós, as mulleres que opinan, as mulleres que loitan, as mulleres que non se conforman, as mulleres que revolucionan e as mulleres que alzan a voz son imprescindibles”, rematou o presidente da Deputación.

Galerias de imaxes

audios