Luis López asina co alcalde de Nigrán, Juan González, unha achega de máis de 770.000€ para a mellora das pistas deportivas de Dunas de Gaifar
O presidente da Deputación recibe o rexedor no Pazo provincial para selar un acordo co que a Deputación financia o 75% dun proxecto que amplía a oferta deportiva, renova o espazo público e mellora a calidade de vida da veciñanza
04/11/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina co alcalde de Nigrán, Juan González, o convenio para a mellora das pistas polideportivas de Dunas de Gaifar, localizadas na ría Cidade de Vigo, no extremo sur da contorna da Praia de Panxón. Un proxecto enmarcado na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, un programa que reparte 35 millóns de euros entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega do Plan Extra. No Pazo provincial, López e González selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega, a través do Plan Extra, un total de 772.100 euros, o que supón un 75 % do orzamento dun proxecto valorado en 1M€ e que completa o Concello cunha aportación de 257.400€. Unha colaboración que afonda no compromiso da Deputación para facer de Pontevedra a provincia do deporte e cooperar cos concellos na mellora das instalacións deportivas municipais.
A área destinada á intervención conta cunha superficie de máis de 3.000 metros cadrados e a parcela alberga unha cafetería ao norte e ao sur un espazo deportivo consistente en tres pistas de tenis co seu valado individual e unha pista multideporte na que se dispuxeron outras dúas pistas de tenis e unha de minibasket, esta última pista tamén ten o seu propio valado. Todo o conxunto dispón de iluminación artificial. O proxecto contempla a cubrición dunha pista de tenis e a creación de dúas de pádel tamén cubertas mediante estruturas lixeiras e funcionais deseñadas para garantir protección fronte ás inclemencias meteorolóxicas e mellorar a experiencia dos deportistas. As cubertas construiranse con materiais de alta resistencia e deseño estético que se integran harmonicamente na contorna.
A actuación contempla tamén a renovación dos valados perimetrais, a reparación das pistas existentes cun novo pavimento de calidade e nova marcaxe dos campos de xogo existentes. Complétase a intervención coa remodelación da instalación de iluminación e a execución dunha rede de saneamento para evacuar as augas recollidas polas novas cubertas.
A sinatura deste acordo supón un novo paso adiante na colaboración da Deputación co Concello de Nigrán, onde tamén están en marcha outras actuacións en materia deportiva, viaria ou de servizos impulsadas a través dos distintos plans de cooperación que ten a Deputación cos concellos da provincia.
