Luis López asina co alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, unha achega de máis 0,5M€ para financiar o 100% da humanización da praza Frei Antonio Orge
O presidente provincial recibe o rexedor no Pazo Provincial para selar un acordo co que a Deputación, a través dos recursos do Plan Extra e o +Provincia, aporta recursos cos que facer realidade un proxecto estratéxico que transformará a mobilidade no centro urbano
09/11/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina co alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, o convenio para facer realidade o proxecto de recuperación peonil dos espazos comprendidos entre a Praza de España e Frei Antonio Orge. Trátase dun proxecto enmarcado na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, un programa que reparte 35 millóns de euros entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega do Plan Extra. No Pazo provincial, López e Díaz selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega os 578.120 euros para financiar a por completo o orzamento da obra a través da combinación dos recursos do Plan Extra (462.500€) e do +Provincia (115.600€). “É un convenio que volverá transformar outro espazo público nesta provincia, financiado ao 100% pola Deputación, que vai humanizar unha zona do núcleo de Ponte Caldelas que dá acceso a instituto e colexios para que os peóns van ser protagonistas”, explicou o mandatario despois de asinar o acordo.
O obxecto do proxecto pasa pola reordenación completa dun ámbito de 2.173m2, que abrangue a praza Placeres Castellanos, a rúa Rosalía de Castro e unha parte da prolonogación da rúa Concepción Arenal. Unha reordenación que implica reducir ao mínimo as zonas de circulación rodada, incrementando todo o posible a superficies de uso exclusivamente peonil. Así, reducirase a circulación na rúa Rosalía de Castro a un único carril, sen aparcamento e conseguindo unha beirarrúa de 2,50 metros nunha marxe e outra de máis de 4 metros na outra, o que permite dispor de arborado e mobiliario urbano de calidade. Así mesmo, xérase un espazo de calidade e seguridade no acceso ao colexio e ao instituto cunha zona axardinada no centro, dentro da cal se recolocará a fonte ornamental e se instalará novo mobiliario urbano. Ademais da substitución dos pavimentos, o proxecto contempla a construción dunha escaleira que mellore o acceso ao colexio, novas luminarias e a renovación das instalacións de saneamento e pluviais
A sinatura deste acordo supón un novo paso adiante na colaboración da Deputación co Concello de Ponte Caldelas, onde tamén están en marcha outros proxectos centrados na mellora dos espazos públicos ou deportivos. “Agradecemos á Deputación o apoio a concellos medianos e pequenos porque este tipo de investimentos sería imposible sen o seu apoio”, admitiu o rexedor. “Somos a Deputación dos 61 concellos da provincia e este é outro proxecto estratéxico que facemos realidade da man da Deputación e o Concello de Ponte Caldelas, ao que agradecemos a colaboración sempre mostrada”, concluíu o presidente provincial.
