Luis López destaca que a colaboración entre a Deputación e o Concello de Salvaterra humanizará dúas rúas por 540.000 euros

O presidente da Deputación de Pontevedra recibiu, este mércores, a rexedora Marta Valcárcel no Pazo provincial para asinar un convenio de colaboración enmarcado no programa “PON2030”

13/12/2023

O presidente, Luis López, e a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recibiu este mércores no Pazo provincial a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, para asinar un convenio de colaboración enmarcado no “Programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da Axenda 2030 (PON2030)” a través do cal o Goberno provincial financiará con máis de 430.000 euros, o 80 % do orzamento, o proxecto para humanizar a contorna da rúa da Forca e da avenida Rosalía de Castro. O Concello, pola súa banda, achega o 20 % restante, arredor dun 110.000 euros. Despois de asinar o acordo, o mandatario provincial sinalou que se trata dun novo exemplo de cooperación leal entre institucións para facer que a provincia vaia a máis en espazos urbanos de calidade, en fomento da mobilidade peonil e en mellores servizos para a veciñanza.

A obra, valorada en máis de 540.000 euros, servirá para recuperar o espazo para uso peonil destas dúas céntricas rúas, que ata agora están sendo empregadas polos condutores como atallo para entrar ou saír de Salvaterra de Miño. A obra consistirá na ampliación de beirarrúas e redución do carril de circulación na avenida Rosalía de Castro, mentres que na rúa Forca se creara unha plataforma de prioridade peonil na que os vehículos só terán acceso aos garaxes. Ao mesmo tempo, renovarase a iluminación con tecnoloxía led, a rede de abastecemento e saneamento, ademais de executar o soterramento das liñas de telecomunicacións e eléctricas, así como instalar novos elementos de mobiliario urbano en todo o ámbito.

Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello de Salvaterra de Miño realízase coa modificación das bases do programa “PON2030” xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo Goberno provincial se vexa reducido.

O presidente da Deputación aproveitou a visita da rexedora de Salvaterra de Miño para resaltar a importancia deste tipo de proxectos que serven para avanzar no municipalismo que persegue a Deputación, transformar espazos para darlle prioridade ás persoas e avanzar no aforro enerxético e o coidado do medio.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.