Luis López destaca o investimento de máis de 900.000 euros para a recuperación do espazo público da avenida da Constitución de Ponteareas

O presidente do Goberno provincial recibiu no seu despacho do Pazo provincial á alcaldesa, Nava Castro, para asinar un convenio de colaboración enmarcado no programa “PON2030”

14/12/2023

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, asinaron un convenio de colaboración enmarcado no “Programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da Axenda 2030 (PON2030)” a través do cal o Goberno provincial financiará con case 700.000 euros, o 75 % do orzamento, os traballos para a mellora da mobilidade e recuperación de espazos públicos na avenida da Constitución. O Concello, pola súa banda, achega o 25 % do total (230.000 euros). A sinatura do protocolo tivo lugar este luns no Pazo provincial, durante o acto, Luis López puxo en valor o compromiso, compartido co do Goberno provincial da rexedora, Nava Castro, para transformar e modernizar os espazos urbanos da vila mellorando os servizos prestados á veciñanza.

A obra, valorada en máis de 925.000 euros, servirá para fomentar a mobilidade peonil e a mellora da calidade urbana da contorna da avenida da Constitución e dos xardíns da Xiralda. Un proxecto centrado nunha área de máis de 2.500 metros cadrados nos que se potenciarán os desprazamentos a pé ou en bici, a seguridade viaria e se porá en valor o patrimonio arquitectónico e etnográfico do espazo. Os traballos inclúen a implantación dunha plataforma única, limitar a circulación de vehículos a motor, a instalación de novo mobiliario urbano e a renovación dos servizos para a mellora da eficiencia enerxética e da xestión da auga. En definitiva, unha humanización integral para a transformación dun espazo dominado polos coches nunha área de esparexemento peonil que contribuirá a mellorar a calidade de vida dos habitantes de Ponteareas.

Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello de Ponteareas realízase coa modificación das bases do programa “PON2030” xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo Goberno provincial se vexa reducido.

Despois da sinatura do acordo, o presidente Luis López quixo felicitar á alcaldesa, Nava Castro, pola aposta por proxectos transformadores.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.