Luis López asina o financiamento dun museo ao aire libre e dun produto virtual sobre o Corpus de Ponteareas para desfrutar deste atractivo turístico durante todo o ano

O mandatario provincial salienta o investimento de 170.000 euros da Deputación para reforzar tanto a divulgación desta celebración de Interese Turístico Internacional como a aposta de Rías Baixas polo interior do territorio

02/02/2026

Luis López convenio Corpus Ponteareas turismo condado

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina coa alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, dous convenios que consolidarán á festa do Corpus como unha referencia para a tradición, a cultura, o turismo e a innovación tanto na comarca do Condado e a Paradanta, como para o conxunto da provincia. Cun orzamento de preto de 170.000 euros achegados integramente polo organismo provincial, estes dous proxectos servirán para a creación dun museo ao aire libre centrado no Corpus no centro urbano de Ponteareas e para a creación dun produto virtual que permitirá vivir esta festa declarada de Interese Turístico Internacional durante todo o ano. “Imos poder sentir, vivir e desfrutar do Corpus os 365 días do ano”, afirmou o mandatario provincial, nun acto no que estivo presente a directora de Turismo da Deputación, Romina Fernández, membros da corporación municipal e representantes dos colectivos de alfombristas do Corpus de Ponteareas.

Os dous convenios asinados este xoves no Concello de Ponteareas por parte do presidente Luis López e a alcaldesa e exdeputada provincial de Turismo, Nava Castro, están enmarcados no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino do Condado e A Paradanta para a posta en marcha de iniciativas diversas en materias de turismo e que conta cun orzamento total de 1,5M€, para os que a Deputación conseguiu fondos europeos. O primeiro dos acordos selados céntrase na creación, cun investimento de 80.000€, dun produto virtual vencellado á Festa do Corpus de Ponteareas que permitirá, a través da tecnoloxía da realidade aumentada e co uso dun dispositivo electrónico, amplificar a experiencia con fotografías, vídeos e información adicional á que se pode acceder tanto in situ como desde calquera lugar do mundo. O segundo, valorado en 87.000 euros, consistirá na creación dun museo ao aire libre para crear itinerarios accesibles e informativos polo centro urbano ponteareán.

“Estes convenios van na liña do modelo de turismo que queremos para a provincia: a desestacionalización, para que o turismo non sexa só tres meses do ano, senón os 365 días; e a descentralización, para levalo a todos os recunchos da provincia para o que lanzamos campaña turística, deseñada pola alcaldesa Nava Castro e que proxectou a todo o mundo o interior da provincia onde Ponteareas ocupa un lugar moi importante, que foi un éxito e premiada en todo o mundo”, explicou o dirixente provincial para poñer en valor o labor da rexedora tanto á fronte do goberno local como na súa recentemente rematada etapa como responsable provincial do turismo. “Nava Castro é unha das voces máis autorizadas para falar de turismo non só en Ponteareas ou nas Rías Baixas, senón en toda Galicia”, subliñou López.

Pola súa banda, a alcaldesa Nava Castro salientou que “o que permite a sinatura destes convenios coa Deputación é facer posible unha das maiores ilusións que tiñamos no noso Concello, que é ter un espazo exclusivo para que calquera persoa que nos visite en calquera época do ano poida ver como son as nosas festas e como as vivimos, cun museo aire libre que sinaliza todos os portais do percorrido da procesión e das nosas alfombras”. Así mesmo, Castro lembrou outro proxecto no que colabora o goberno provincial como é a creación dun centro de interpretación do Corpus.

Despois de recoñecer o papel do Concello e dos colectivos veciñais e culturais para darlle un novo impulso ao Corpus de Ponteareas, o mandatario provincial reafirmou o compromiso da Deputación como “aliado” desta festa e do Concello. “Reafirmamos o compromiso con Ponteareas e con todos os concellos da provincia para seguir apoiando a cultura, a tradición e o turismo; e convidamos a todo o mundo a que veña a Ponteareas ao Corpus, porque quen ven por primeira vez, queda impactado”, concluíu o presidente Luis López.

Galerias de imaxes

audios

intervención do presidente Luis López

intervención da alcadesa Nava Castro