Luis López asina coa conselleira do Mar as becas para que estudantes de acuicultura e mergullo cursen estudos no estranxeiro e se reforce o futuro do sector do mar

O mandatario provincial, acompañado polo deputado Marcos Guisasola, asina un novo acordo coa conselleira do Mar, Marta Villaverde, para financiar con 15.000€ as prácticas do alumnado do centro do Igafa da Illa de Arousa en países referentes nestes eidos

05/05/2026

Luis López asina coa conselleira do Mar as becas para que estudantes de acuicultura e mergullo cursen estudos no estranxeiro e se reforce o futuro do sector do mar

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, renova o apoio da administración provincial coa formación da mocidade e a sustentabilidade do medio mariño a través da sinatura do segundo convenio coa Consellería do Mar para ofrecer aos estudantes do IGAFA, o centro galego de formación en acuicultura da Illa de Arousa, a posibilidade de realizar prácticas laborais en empresas ou institucións doutros países para avanzar na especialización en eidos como a acuicultura ou o mergullo profesional. O mandatario provincial asinou este martes no Pazo provincial un acordo coa conselleira Marta Villaverde para financiar con 15.000€ a estancia dos bolseiros nos seus destinos. “Desde a Deputación seguimos a tender pontes cunha administración amiga como é a Xunta, a fomentar o emprego e a innovación a través do sector do mar e da sustentabilidade, e a impulsar o futuro da nosa mocidade”, afirmou o presidente Luis López, despois de dar a benvida á conselleira, da que salientou “o seu labor á fronte dunha consellería estratéxica como é a do mar”.

O acordo ten como obxectivo facilitar a realización de prácticas do alumnado do Instituto Galego de Formación en Acuicultura, que conta cun centro na Illa de Arousa, en países estranxeiros que sexan referencia nas ramas profesionais da acuicultura e o mergullo profesional co obxectivo de avanzar na súa especialización. A Deputación asume con 15.000€ o custo da estancia dos estudantes, que non poderá superar os 3.000€ por beneficiario e que terá unha duración de tres meses. Pola súa banda, a Consellería do Mar encargarase de deseñar e supervisar o proxecto formativo, mentres que o IGAFA asumirá o labor de selección de bolseiros. “Tendemos pontes coa Xunta, co Igafa e co sector do mar para que a provincia e os seus profesionais sigan sendo unha referencia en innovación, formación e sustentabilidade”, sinalou o mandatario provincial, que estivo acompañado neste acto polo deputado de Medio Ambiente, Marcos Guisasola.

“Unha nova mostra do compromiso da Deputación coa mocidade e co fomento do emprego que se suma ao proxecto Erasmus + para que os estudantes de FP fagan prácticas no estranxeiro, aos programas DEPOEmprende para fomentar a cultura do emprendemento da mocidade durante toda a etapa formativa, así como a oferta de viveiros de empresa para madurar proxectos; ou a cooperación coa Xunta a través dos Polos de Emprendemento e da Rede Ultreia para acompañar os emprendedores”, engadiu o dirixente, quen convidou a todos os potenciais beneficiarios a solicitar unha bolsa que, con 12 beneficiarios na primeira edición, demostrou ser un completo acerto.

Galerias de imaxes

audios

Marta Villaverde - Convenio Bolsas IGAFA (05/05/26)

Luis López - Convenio IGAFA (05/05/26)