Luis López resalta o investimento de case un millón de euros para construír un parque polideportivo no rural do Grove

O presidente da Deputación de Pontevedra visitou este martes este municipio da comarca do Salnés para asinar co alcalde, José Cacabelos, un convenio de colaboración enmarcado no programa “PON2030”

12/12/2023

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde do Grove, José Cacabelos

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, visitou este luns o Concello do Grove para asinar co rexedor, José Cacabelos, un convenio de colaboración enmarcado no “Programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da Axenda 2030-PON2030” a través do cal o Goberno provincial financiará con máis de 740.000 euros, o 80 % do orzamento do proxecto para construír un complexo polideportivo ao aire libre nunha parcela sen uso no lugar das Bizocas, en San Vicente do Mar. O Concello, pola súa banda, achega o 20 % restante, uns 185.000 euros. “Unha nova mostra de que tendendo pontes entre administracións facemos que a provincia vaia a máis. A máis en instalacións deportivas de calidade, en fomentar hábitos de vida saudable e na transformación de espazos degradados en áreas de interese para a veciñanza e o turismo”, declarou o mandatario provincial despois de asinar o acordo.

A obra, valorada en case 930.000 euros, servirá para construír nunha parcela de case 5.000 metros cadrados que estaba en desuso, un parque polideportivo con actividades deseñadas para persoas de todas as idades. Ademais, a situación do parque é ideal por lindar co colexio e instituto das Bizocas e estar próximo á praia de Area da Cruz, polo que será un importante reclamo para a veciñanza e as e os visitantes. Neste terreo instalarase un circuíto biosaudable, un circuíto de calistenia, un parque infantil, unha cancha de baloncesto ao aire libre e unha pista polideportiva cuberta e con bancadas aproveitando a estrutura abandonada que existe nesta parcela. Ao mesmo tempo, crearanse zonas de estancia para fomentar a relación coa natureza e un itinerario peonil que conecte as distintas áreas.

Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre a Deputación e o Concello do Grove realízase coa modificación das bases do programa “PON2030” xa en vigor. Unha modificación que compatibiliza a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo Goberno provincial se vexa reducido.

O presidente da Deputación aproveitou a súa primeira visita institucional ao Concello do Grove para resaltar a importancia deste tipo de proxectos. “Sempre é un pracer visitar O Grove, pero moito máis se é para avanzar nese municipalismo que rexe a acción de Goberno da Deputación, para construír novas instalacións deportivas e para transformar e mellorar a nosa contorna para facela unha referencia en sustentabilidade e respecto pola natureza”, rematou Luis López, quen tamén tivo palabras de agarimo para o rexedor, José Cacabelos, por “tantos anos de dedicación e servizo á cidadanía do Grove”.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.