Luis López defende o compromiso da Deputación cun mellor financiamento dos concellos tras inxectar máis de 325 M€ só en plans de investimento durante o mandato
O presidente enumera plans de apoio para beneficiar aos 61 concellos da provincia, incluídas as cidades de Vigo e Pontevedra, que reciben un de cada tres euros do novo orzamento: “Non somos a Deputación de dúas cidades ou 59 pequenos e medianos concellos, somos a Deputación de toda a provincia”
02/11/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de comparecer este luns por cuarto ano consecutivo no Parlamento de Galicia para presentar o orzamento do organismo provincial para o vindeiro 2027 que volve estar marcado pola colaboración cos concellos, aos que o ente provincial inxectará este ano 325 millóns de euros a través de plans ordinarios e extraordinarios. Na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos, o mandatario provincial debullou o contido dunhas contas que aumentan nun 10%, que volverán entrar en vigor en tempo e forma e que confirman a estabilidade dun goberno capaz de aprobar catro orzamentos nos seus catro anos de mandato. O orzamento que manexará a Deputación o vindeiro ano ascende a 261,8M€, dos que un tezo volverán destinarse a Cooperación cos concellos e cos que se reforzan partidas estratéxicas como Deporte, Turismo, infraestruturas, Acción Comunitaria ou Cultura.
“Con esta xa son catro as veces que comparezo no Parlamento de Galicia para informar das contas da Deputación de Pontevedra para o exercicio de 2027. Así que só o feito desta intervención, que debera ser normal, hai moito tempo que pasou a converterse en algo extraordinario. Extraordinario é que unha institución, neste caso a Deputación de Pontevedra, aprobe catro orzamentos en catro anos en tempo e forma. Esta é unha realidade á que, quitando á Xunta de Galicia, outras administracións nin sequera aspiran: desde moitos concellos onde imperan coalicións inestables ata o propio Goberno de España, que pode pasar lexislaturas enteiras, como a que acaba de rematar, sen aprobar un só orzamento. Extraordinario tamén é pola transparencia, porque antes de acudir aquí a render explicacións estas contas foron debulladas ata en tres ocasións ante a opinión pública da provincia; e a pasada semana foron convocadas as comisións informativas nas que os grupos da oposición dispoñen de toda a información, cun calendario preciso da tramitación. E, se imos aos antecedentes, tamén é extraordinario pola colaboración. Nós non imos faltar ao respecto á Cámara de todos os galegos dando plantón a esta Comisión, como fixo durante sete anos a miña antecesora”, contextualizou o mandatario antes de detallar un orzamento que é froito da estabilidade e xestión do único goberno das catro deputacións galegas con maioría absoluta e que, logo de saldar a débeda de 25M€ herdada, suma dous anos con débeda cero.
A cooperación cos 61 concellos que compoñen a provincia volven marcar por cuarto ano consecutivo o Orzamento da Deputación para o 2027. “Destinamos por cuarto ano consecutivo 1 de cada 3 euros do orzamento a investir nos concellos a través do servizo de Cooperación: case 82 M€, un 8% máis”, subliñou López antes de engadir á esta liña estratéxica recursos xa aprobados doutros plans estratéxicos que elevan o compromiso cos concellos ata os 325M€. Son os catro Plans Extraordinarios de Infraestruturas Deportivas (28M€), dous Plans Extra (73M€), o Vía Depo (8M€) ou o Espazo Depo (20M€). “falamos de máis de 325 M€ destinados a financiar TODOS os pequenos e medianos concellos, sen distinción de cor política, para transformar de cabo ao cima esta provincia. Cifra que podería medrar coa suma do servizo de Asistencia Intermunicipal, cuxo orzamento subirá en 2027 un 10% (4,2 M€), e outros como a axuda que prestamos para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que roza xa os 3,5 M€ e subirá case un punto en 2027”, incidiu López.
Neste sentido, o mandatario provincial reivindicou a vontade de cooperación con todos os concellos, desde os máis pequenos ata as dúas grandes cidades. “Ao contrario de hai 4 anos, nós non somos unha Deputación de dúas cidades. Nin tampouco só de 59 concellos, somos a Deputación de toda a provincia Pontevedra”, dixo o presidente, antes de enumerar os plans de investimento da administración provincial en Vigo e Pontevedra. A primeira conta novamente cunha reserva de 5M€ para asinar convenios de cooperación, un compromiso que se eleva ata os 67M€ ao incluír as partidas para o estadio de Balaídos, a recuperación do Cine Fraga, a captación de rutas para Peinador ou as obras na piscina de Teis, Finca Matías, a humanización de San Toque ou a estrada do Calvario entre outras. O mesmo ocorre en Pontevedra, onde aos 2,5M€ reservados para os convenios hai que sumar investimentos por valor de 43M€ dirixidos á vía verde entre Arcade e a cidade, a apertura dos xardíns de Santa Clara, a renovación do céspede de Pasarón, a Bienal de arte do 2027, a reforma de Príncipe Felipe ou a intervención na estrada de Salcedo. “Malia o bloqueo, a Deputación está a investir como nunca en ambas cidades”, afirmou Luis López.
Reforzo de áreas estratéxicas desde 2023
Con todo, o apoio estratéxico aos concellos é compatible co impulso doutras partidas que xa son bandeira do actual goberno provincial. Unha delas é o deporte, que contará este ano con 11,2M€ e que eleva o investimento nesta área nun 139% en catro anos para facer de Pontevedra “a provincia do deporte” a través de axudas a deportistas e clubs ou a creación e acollida de grandes eventos deportivos. O turismo sustentable que caracteriza ás Rías Baixas recibiu un aumento do 70% neste mandato e para o 2027 contará cunha partida de 9,3M€ cos que seguir impulsando atractivos da provincia como os festivais, as festas de interese turístico ou a gastronomía. A cultura, que eleva a súa partida nun 63% con respecto ao ano 2023, volverá ofrecer programas para espallar a música, o teatro ou a literatura por todos os recunchos.
Mención especial require o servizo de Acción Comunitaria, creado polo goberno provincial a comezos do mandato que disporá no 2027 de 4M€ (+20%) cos que seguir axudando ao movemento veciñal e impulsando plans propios como o +Aqua que están suscitando o interese da Unión Europea.
A seguridade das infraestruturas viarias é outro dos sinais de identidade da Deputación. No 2027, a partida dirixida á mellora dos 1.600 quilómetros da rede de estradas provinciais supera os 40M€, que supón duplicar os esforzos con respecto ao goberno anterior. Un compromiso que, segundo declarou o presidente, contrasta co mal estado da rede viaria de titularidade estatal.
Catro anos tendendo pontes
“Se nos pedía rachar co servilismo de toda unha institución cara dúas cidades e hoxe tanto os pequenos e medianos concellos como Vigo e Pontevedra, reciben máis fondos que nunca para investir, con máis de 2.000 obras e 600 millóns de euros mobilizados. Se nos pedía ser receptivos aos proxectos que deran un salto de benestar a esta provincia e levamos atendidas máis de 600 iniciativas sociais. Se nos pedía tomar cartas na concentración do turismo de Rías Baixas e fomos premiados polos nosos esforzos ao máximo nivel internacional con sendas campañas de turismo deportivo e turismo de interior e logramos que por vez primeira na historia que entren no noso destino máis visitantes estranxeiros que nacionais. Se nos pedía escoitar, entender e atender aos colectivos esquecidos ou menosprezados —as asociacións de veciños e mulleres rurais, as comunidades de augas, as confrarías de pescadores, as cooperativas agrícolas, entidades empresariais, culturais e do terceiro sector; clubs deportivos, agrupacións de protección civil ou tecores de caza, entre outros— e hoxe teñen en nós un aliado constante, que dedica recursos por centos de miles de euros ao seu funcionamento cada ano. Tamén se nos pedía proxectar as fortalezas da provincia e aí xorde a provincia do deporte, un modelo único da xestión comunitaria da auga ou unha cultura de calidade accesible no urbano e no rural. En definitiva, se nos pedía tender pontes e non levamos feito outra cousa nestes catro anos”, engadiu o dirixente para resumir a pegada do goberno provincial nestes catro anos de mandato.
Para rematar a súa intervención na presentación do Orzamento da Deputación para o ano 2027 no Parlamento de Galicia, Luis López reivindicou o carácter municipalista, colaborador e aberto da Deputación. “Somos un goberno pegado á rúa porque levamos xa máis de 620 visitas a concellos, somos un goberno activo porque estivemos ao carón da xente en máis de 7.100 actos; somos un goberno municipalista que respecta a autonomía local e que se compromete co mundo local non só con cifras: todos os alcaldes da provincia mantiveron reunións institucionais con este presidente polo menos unha vez, e a maioría máis de dúas; somos un goberno colaborador porque non vetamos lazos coa Xunta de Galicia, como ocorría no pasado, nin con calquera outra Administración; e somos un goberno transparente que non lle ten medo ao Parlamento de Galicia, e que traballa para poder darlles a vostedes a oportunidade de replicar. Este e, se os cidadáns queren, moitos anos máis”, rematou o presidente da Deputación de Pontevedra.
