Luis López anuncia un investimento de preto de medio millón de euros para a humanización da rúa B na súa primeira visita a Rodeiro como presidente da Deputación de Pontevedra

O presidente provincial participou este xoves nun encontro institucional no Concello no que foi alcalde durante dez anos para asinar un convenio de colaboración, enmarcado no programa PON2030, co rexedor Jose Luis Camiñas

16/11/2023

Selección española de fútbol en Pasarón

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, realizou este xoves por primeira vez unha visita institucional como mandatario provincial ao Concello de Rodeiro, no que foi alcalde entre os anos 2011 e 2021, para asinar un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) co rexedor  actual, Jose Luis Camiñas; un protocolo a través do cal o Goberno provincial financiará con 425.000 euros, o 90 % do orzamento, os traballos para a humanización da rúa B, localizado en San Vicente de Rodeiro. O Concello, pola súa banda, achega o 10 % restante, máis de 47.000 euros. A sinatura deste convenio vai significar un importante investimento no centro urbano de Rodeiro, na que coñecemos como rúa do colexio“, afirmou o mandatario provincial despois de asinar o protocolo.

A obra, valorada nun total de 473.000 euros, servirá para executar unha mellora urbana integral da rúa B deste núcleo de poboación do Concello de Rodeiro, un proxecto de humanización para un espazo moi transitado pola veciñanza, que conta cun centro educativo e no que é necesario mellorar a imaxe e os servizos. En concreto, a obra contempla a creación dunha rúa de sentido único, desde a PO-533 ata o cruce coa rúa A e a estrada á Raña; a ampliación do espazo peonil con beirarrúas máis amplas dotadas con mobiliario urbano, aparcamento para bicicletas e mais arborado, a adopción de medidas para o calmado do tráfico e renovación da sinalización, a iluminación e a canalización de augas pluviais, así como o soterramento das liñas eléctricas e de telecomunicacións.

Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello de Rodeiro realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor, modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo Goberno provincial se vexa reducido.

Este acordo entre a Deputación e o Concello de Rodeiro serve para avanzar na mellora dos servizos á veciñanza a través da cooperación institucional que promove o Goberno provincial cos 61 concellos da provincia. “Vimos de aprobar os orzamentos máis municipalistas. De cada tres euros, un vai directamente para os concellos. É unha aposta importante para darlles liquidez e que, en base a esa autonomía local que defendemos, escollan os investimentos, porque, aínda que neste caso eu si coñezo as de Rodeiro, ninguén mellor que os rexedores para atender as necesidades dos concellos. Por iso a colaboración da Deputación será algo do que non se pode dubidar”, explicou López.

O presidente quixo tamén aproveitar a súa primeira visita institucional á que foi a súa casa durante unha década para remarcar que “os proxectos que se van executar en Rodeiro da man da Deputación van ser moitos. Esta é so a primeira de moitas visitas. Seguiremos sumando para que todos vaiamos a máis”, rematou.