Luis López remarca a cooperación entre a Deputación e o Concello de Sanxenxo para investir un millón de euros na transformación do campo de San Roque e o mirador da Peixeira

O presidente provincial recibiu este martes no seu despacho do Pazo provincial o rexedor de Sanxenxo, Telmo Martín, para asinar un convenio enmarcado no programa “PON2030”

21/11/2023

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinou este martes co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín,  un convenio de colaboración

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinou este martes co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín,  un convenio de colaboración enmarcado no Programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da Axenda 2030 (“PON2030”), a través do cal o Goberno provincial financiará con preto de 800.000 euros, o 80 % do orzamento, os traballos para transformar a conexión do campo de San Roque co miradoiro da Peixeira, en Portonovo. O Concello, pola súa banda, achega o 20 % restante (arredor de 200.000 euros). Trátase dun acordo que servirá para mellorar a calidade urbana deste espazo.

O proxecto, que está valorado en case un millón de euros, céntrase na contorna comprendida entre a capela de San Roque e o miradoiro da Peixeira; unha zona moi transitada e con vivendas que está atravesada pola avenida de Pontevedra, unha estrada cun tránsito considerable e sen elementos de calmado de tráfico que deixa as e os peóns nunha situación de vulnerabilidade. Con esta obra, o ámbito volverá ser un espazo para a convivencia da veciñanza. Os traballos basearanse en construír unha serie de plataformas enlazadas, mediante ramplas accesibles e escaleiras, que conectarán ambos os espazos. O tráfico rodado quedará nun segundo plano coa implantación dun carril único e lombos á entrada e saída da zona para reducir a velocidade. Deste xeito, o espazo dedicado ás e aos peóns gañará en amplitude e estará dotado con bancos, mobiliario urbano, nova iluminación e árbores aproveitando os muros das plataformas.

Non obstante, o aspecto máis transformador da intervención ten que ver co miradoiro. Eliminaranse as barreiras arquitectónicas, visuais e ambientais presentes entre o núcleo e o miradoiro ao desmantelar o muro de contención actual para renaturalizar a fachada marítima e mellorar paisaxística e funcionalmente a conexión do núcleo co mar.

Desde o Goberno provincial recoñecen que se trata dun proxecto moi interesante porque cumpre un dos seus obxectivos, que é a transformación do espazo urbano dos concellos seguindo os criterios da axenda europea, coma a loita contra o cambio climático ao reducir a presenza de coches; o fomento de hábitos de vida saudable mediante a creación de itinerarios peonís; ou a protección do medio a través da renaturalización da fachada marítima e do miradoiro da Peixeira.
Despois de asinar o acordo, o presidente da Deputación tamén quixo poñer en valor o traballo que está a facer Telmo Martín para modernizar o espazo urbano de Sanxenxo, a quen felicitou pola súa vontade de cooperación institucional e polo seu carácter municipalista, que comparte co Goberno provincial.

Segundo se recolle no convenio, as obras deberán rematarse antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre a Deputación e o Concello de Sanxenxo realízase coa modificación das bases do programa “PON2030” xa en vigor; unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo Goberno provincial se vexa reducido.