Luis López avanza o apoio da Deputación á construción dunha infraestrutura polideportiva na Estrada valorada en dous millóns de euros

O presidente provincial asinou un convenio de colaboración, enmarcado no programa “PON2030”, co alcalde, José López, que reafirma a aposta estratéxica polo deporte

20/11/2023

Luis López co alcalde da Estrada

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recibiu no seu despacho do Pazo provincial o alcalde da Estrada, José López, para asinar un convenio de colaboración enmarcado no Programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o Goberno provincial financiará cun millón de euros, o 50 % do orzamento, os traballos para construír un módulo polideportivo cuberto para a práctica do atletismo e das modalidades de loita. O Concello, pola súa banda, achega o 50 % restante, outro millón de euros. Este acordo supón un novo exemplo de colaboración entre o executivo provincial e, neste caso, o Concello da Estrada, que reafirma a aposta polo deporte como unha área estratéxica da acción do goberno da Deputación.

A obra, valorada nun total de dous millóns de euros, servirá para reforzar a área deportiva do municipio da Estrada coa construción dunha nova infraestrutura polideportiva da que carecía a provincia. Trátase da edificación dun módulo de tres plantas, semisoto, entreplanta e planta baixa, que albergará un recinto para a práctica de deportes de combate coma a loita, judo, taekwondo ou karate, así como un ximnasio no andar máis baixo. Os vestiarios, os cuartos de baños e as instalacións eléctricas estarán no segundo nivel, mentres que na planta baixa se instalará a pista de atletismo cuberta e un almacén con diverso material deportivo. Esta construción servirá para conectar as novas pistas de atletismo ao aire libre coa piscina da Axencia Galega de Seguridade Pública. Un proxecto millonario que consolida o Concello da Estrada como referencia provincial en canto a instalacións deportivas e que lles abre as portas á organización de competicións internacionais ou á acollida de concentracións preparatorias de deportistas profesionais no municipio.

Segundo se recolle no convenio, as obras deberán rematarse antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre a Deputación e o Concello da Estrada realízase coa modificación das bases do programa “PON2030” xa en vigor; unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao concello polo Goberno provincial se vexa reducido.

Trátase dun acordo entre a Deputación e o Concello da Estrada que, segundo se recolle no Orzamento provincial do próximo ano, cun incremento dun 19 %, ata os 5,5 millóns da partida destinada a deporte e no xa aprobado Plan extraordinario de infraestruturas deportivas, dotado con 4 millóns, confirma o carácter estratéxico desta área de goberno. Ademais, supón un novo exemplo de municipalismo ao colaborar co concello para executar unha obra que transforma e potencia a rede de instalacións deportivas no interior da provincia.