Luis López celebra a aposta de Meaño pola reciclaxe dos restos orgánicos cun investimento de 350.000 euros entre a Deputación e o Concello

O presidente da Deputación de Pontevedra realizou este mércores a súa primeira visita institucional ao concello de Meaño para asinar, xunto co alcalde, Carlos Viéitez, un convenio de colaboración enmarcado no programa “PON2030”

29/11/2023

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Meaño, Carlos Viéitez

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, asinaron este mércores un convenio de colaboración enmarcado no Programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da Axenda 2030 (“PON2030”), a través do cal o Goberno provincial financiará con máis de 300.000 euros, o 85 % do orzamento, o proxecto para adquirir un camión para a recollida conxunta e separada por compartimentos do lixo dos contedores verdes e marrón. Colectores que tamén se instalarán nas parroquias deste municipio ao abeiro deste plan. O Concello, pola súa banda, achega o 15 % do total (50.000 euros). “Paréceme un acerto maiúsculo optar por este proxecto e quero felicitarvos por apostar por esta liña, a da xestión dos residuos”, valorou o mandatario provincial despois da sinatura deste acordo na que foi a súa primeira visita institucional a Meaño.

O proxecto, valorado en máis de 350.000 euros, servirá para dotar o Concello de Meaño dun camión biocompartimentado para a recollida dos residuos orgánicos dos colectores marróns e tamén da fracción non separada nun depósito instalado no mesmo vehículo, que conta con dous compartimentos separados para cada fracción. Logo, eses restos orgánicos trasladaranse á recentemente inaugurada planta de compostaxe de Baión, en Vilanova de Arousa, que servirá tamén para aforrar custes. De xeito paralelo, o proxecto contempla tamén instalar contedores marróns nas parroquias máis poboadas do municipio, Dena e Meaño, mentres que nas demais se promoverá a compostaxe doméstica. “Estades a facer unha aposta clara polo contedor marrón, o que supón un paso adiante nesta misión que temos que afrontar”, agradeceu López.

Segundo se recolle no convenio, o plan deberá estar executado antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre a Deputación e o Concello de Meaño realízase coa modificación das bases do programa “PON2030”, xa en vigor; unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo Goberno provincial se vexa reducido.

Nesta primeira visita institucional de Luis López a Meaño, o presidente da Deputación avanzou que este Concello será beneficiario do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas aprobado polo Goberno provincial. Neste sentido, recordou o responsable deste organismo supramunicipal que “somos municipalistas convencidos”, polo que reafirmou o compromiso da Deputación para “darvos as ferramentas e recursos para que invistades nos proxectos que consideredes oportunos”, asegurou López recordando o plan “+Provincia”, que porá á disposición dos concellos 48,2 millóns de euros o próximo ano, a cifra máis alta da historia destes plans provinciais.