Luis López destaca o investimento de preto de medio millón de euros para converter nun centro sociocultural un edificio do Castro de Dozón

O presidente da Deputación de Pontevedra recibiu este luns no Pazo provincial o alcalde de Dozón, Adolfo Campos, para asinar un convenio de colaboración enmarcado no programa “PON2030”

27/11/2023

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Dozón, Adolfo Campos

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recibiu este luns no Pazo provincial o alcalde de Dozón, Adolfo Campos, para asinar un convenio de colaboración enmarcado no Programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o Goberno provincial financiará con 350.000 euros, o 77 % do orzamento, os traballos para converter un edificio do Castro de Dozón nun centro sociocultural. O Concello, pola súa banda, achega o 23 % restante, máis de 100.000 euros; un acordo que avanza no reto demográfico a través da mellora dos servizos á cidadanía co obxectivo de fixar poboación en concellos rurais coma o de Dozón.

A obra, valorada nun total de 450.000 euros, servirá para dotar a veciñanza do municipio de Dozón dun centro sociocultural no que organizar eventos culturais, cursos ou reunións veciñais. O proxecto contempla a reestruturación dos espazos interiores da planta baixa e o semisoto do edificio, así como unha mellora integral dos sistemas de illamento e eficiencia enerxética. Na planta baixa instalarase unha sala polivalente, unha de lectura e informática e un salón de actos. Por outra banda, no semisoto instalaranse dúas aulas de formación, un despacho e un obradoiro de cociña. Ao mesmo tempo, o proxecto inclúe a reforma dos baños, a renovación da iluminación con tecnoloxía LED, a substitución da rampla exterior para mellorar a accesibilidade, a mellora do illamento térmico da envolvente e a reposición das carpinterías exteriores. 

Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre a Deputación e o Concello de Dozón realízase coa modificación das bases do programa “PON2030” xa en vigor; unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante que lle concede o Goberno provincial ao Concello se vexa reducido.

A sinatura deste protocolo supón un novo exemplo de cooperación institucional entre a Deputación e, neste caso, o Concello de Dozón para transformar as instalacións públicas e mellorar os servizos destinados á veciñanza.