Luis López anuncia a aprobación do convenio que mobilizará 900.000 euros para integración urbana da ponte de Santiago e a súa contorna e a conexión coa rúa Serra en Pontevedra
A Deputación financiará integramente esta actuación, na que se instalará unha plataforma única, reordenaranse zonas verdes, colocarase novo mobiliario urbano, deseñarase unha nova iluminación e melloraranse as instalacións de saneamento
30/10/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres que a Xunta de Goberno provincial acaba de aprobar o convenio co Concello de Pontevedra para executar as obras de integración urbana da ponte de Santiago e a súa contorna e a conexión coa rúa Serra. Trátase dun proxecto dotado con 900.000 euros que permitirá a mellora da accesibilidade nesta zona.
Luis López sinalou que “a Deputación financia integramente esta actuación, que permitirá executar esta mellora que beneficiará á veciñanza da cidade”, cuxo ámbito de actuación se centrará na rúa Serra e na avenida de Bos Aires, entre o Mercado (rúa Alfredo García Hermida) e Padre Amoedo Carballo, incluíndo a glorieta de conexión coa ponte de Santiago.
En concreto, con esta actuación proponse a creación dunha plataforma única que dea continuidade aos pasos peonís existentes na zona de actuación e os amplíe para mellorar a circulación peonil. Empregaranse pavimentos que permitan diferenciar e conectar os distintos espazos, resolvendo a súa relación coas zonas verdes e cos bordos dos viarios. Ademais, reordenaranse as zonas verdes e ampliarase o arborado nas vías incluídas na actuación, instalarase novo mobiliario urbano, máis funcional e acorde co deseño e coas necesidades dos viarios e deseñarase unha iluminación urbana de baixo consumo enerxético, integrada no conxunto da actuación e adaptada ás prioridades de uso das vías. Por último, renovaranse ou melloraranse as instalacións de saneamento existentes nos puntos onde sexa necesario.
