Luis López anuncia a adxudicación por 710.000 euros das obras para a mellora dos firmes na EP-6503 Silleda-Siador-Refoxos, en Silleda
O presidente provincial explicou que se actuará na totalidade da estrada, nos 7,6 quilómetros, co fin de salvagardar a seguridade viaria e a debida prestación do servizo público
30/10/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres a adxudicación por 710.000 euros das obras de reposición do firme na EP-6503, no Concello de Silleda, que conecta Silleda con Siador e Refoxos. O obxectivo dos traballos, que se realizarán na totalidade dos 7,6 quilómetros desta estrada provincial, é salvagardar a prestación do servizo e mellorar a súa seguridade viaria.
As actuacións divídense en varias fases. Unha primeira de traballos previos e demolicións, na que se retirará o firme actual, escavarase para proceder ao saneamento e levarase a cabo o fresado superficial. Na segunda fase executaranse os novos firmes para, a continuación, proceder á mellora do sistema de drenaxe e, por último, pintarase unha nova sinalización horizontal. A actuación responde á necesidade de rehabilitar e modernizar a plataforma viaria, mellorando deste xeito as condicións de circulación, drenaxe e sinalización da vía, ademais de cumprir toda a normativa vixente.
“Con avances como este desde a Deputación continuamos traballando para a transformación das estradas provinciais, co obxectivo de alongar a súa vida útil e garantir a súa seguridade”, asegurou o presidente provincial.