Luisa Sánchez valora a Ocupación Miñota como punto de encontro transfronteirizo para a creación e a innovación cultural
16/09/2025
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, puxo en valor a iniciativa cultural Ocupación Miñota como punto de encontro transfronteirizo para a creación e a innovación, durante a presentación do evento que acolleu este martes a sede viguesa do ente provincial.
A Ocupación Miñota, que se desenvolverá en Ponteareas do 17 ao 21 de setembro, ten como obxectivo fortalecer a cooperación no ámbito das artes escénicas e promover o diálogo cultural entre Galicia e o norte de Portugal. Impulsada polo Centro Dramático Galego, en colaboración coas Comédias do Minho, inclúe unha ampla oferta de actividades: representacións teatrais, residencias artísticas, obradoiros formativos e propostas dirixidas a público infantil, xuvenil e familiar. Entre os espectáculos programados destacan ‘Chegar a tempo ou sobre o desaparecimento’ e ‘O duelo e outras historias’, ademais de accións formativas como ‘O espectro: corpo, voz, electrónica’ e o ‘Obradoiro Alforreca’.
Luisa Sánchez salientou que a Ocupación Miñota constitúe unha oportunidade para proxectar o talento galego máis aló das fronteiras administrativas, consolidando a Galicia dentro das redes culturais de Europa.


