A Deputación convoca a primeira edición dos Premios +Aqua ás mellores comunidades de augas da provincia
Os premios están dotados de 12.000 euros e recoñecerán as comunidades de augas nas categorías de mellor traída veciñal para consumo humano, innovación na xestión comunitaria, boas prácticas en calidade sanitaria e impacto social
30/07/2025
A Deputación de Pontevedra convoca a primeira edición dos Premios +Aqua, que recoñecerán as mellores comunidades de augas da provincia de Pontevedra nas categorías de mellor traída veciñal para consumo humano, innovación na xestión comunitaria, boas prácticas en calidade sanitaria e recoñecemento á traída con maior impacto social. Os premios están dotados de 12.000 euros e as comunidades de augas coa finalidade de abastecemento para consumo humano xa poden presentar as súas candidaturas, trala publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, ata o 29 de agosto de 2025.
O obxectivo dos Premios +Aqua é poñer en valor o traballo realizado na provincia por estas entidades, así como promover modelos comunitarios de xestión da auga potable, poñer en valor o traballo veciñal no mantemento de sistemas de abastecemento seguro e responsable, favorecer a aprendizaxe e o intercambio de experiencias replicables noutros territorios, mellorar a súa contribución aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e sensibilizar sobre a importancia da xestión sostible da auga e sobre o valor que achegan as comunidades de usuarios de augas da provincia de Pontevedra.
Cada unha das catro categorías conta con tres premios valorados en 3.000 euros: un primeiro de 1.500 euros, un segundo de 900 euros e un terceiro de 600 euros. Na categoría de mellor traída veciñal para consumo humano teranse en conta cuestións relacionadas coa calidade sanitaria da auga, accesibilidade e cobertura, xestión comunitaria, sostibilidade ambiental, legalidade e seguridade e innovación técnica ou social. Na categoría de innovación na xestión comunitaria valoraranse os novos modelos organizativos ou participativos, a transparencia e rendición de contas, a inclusión activa de mulleres, mocidade ou persoas maior, e a replicabilidade noutras comunidades.
Na categoría de boas prácticas valoraranse o sistema de tratamento e potabilización eficaz, o seguimento analítico periódico e os rexistros dispoñibles, os mecanismos de formación e sensibilización sanitaria para a veciñanza e tamén a coordinación con autoridades sanitarias ou técnicas. Por último, na categoría de recoñecemento no impacto social avaliarase a mellora demostrable na calidade de vida da veciñanza, o abastecemento en zonas illadas ou con dificultade de acceso histórico á auga, a inclusión de colectivos vulnerables e a transformación comunitaria grazas á traída.
Os Premios +Aqua fundaméntanse na necesidade de recoñecer e apoiar estas comunidades que, co seu esforzo e dedicación, contribúen a asegurar a dispoñibilidade e xestión sostible da auga para todas as persoas, así como o acceso da cidadanía do rural á auga potable para o consumo humano.