Plan ExtraA Deputación mobilizará esta fin de semana máis de 300 persoas de seis concellos coas saídas do programa +Convivencia
As persoas participantes achegaranse a enclaves de vilas costeiras da provincia como Bueu, Cambados, Cangas do Morrazo, O Grove e Sanxenxo
01/08/2025
A Deputación de Pontevedra continúa esta fin de semana (sábado 2 de agosto e domingo 3 de agosto) as saídas programadas ao abeiro do programa provincial +Convivencia con cinco novas actividades que mobilizarán un total de 317 persoas chegadas desde os concellos de Gondomar, Lalín, O Porriño, Silleda, Vilagarcía de Arousa e Vigo, con destino todas elas ao litoral pontevedrés.
A excursión máis demandada é a que se celebra no Grove, con visita á Illa da Toxa, e Portonovo (en Sanxenxo), que desfrutará o sábado un grupo de 52 persoas da Asociación de Veciños Nosa Terra de Alcabre (Vigo) e, o domingo, outro grupo de 50 usuarias da Asociación Mulleres en Igualdade de Donramiro (Lalín).
As saídas do sábado complétanse coa excursión dun grupo de 42 persoas da Asociación Comisión de Festas da Madalena (Gondomar) á Festa do Albariño de Cambados, cunha parada tamén na fervenza do río Barosa (Barro), e coa visita de 55 persoas da Asociación Veciñal-Cultural de Cortegada (Silleda) a Cabo Home e outras zonas do concello de Cangas do Morrazo.
Por último, xa o domingo, 82 persoas mobilizadas a través da Asociación Veciñal e Cultural As Mimosas de Carracido (O Porriño) visitarán a illa de Ons (Bueu), e un grupo de 36 usuarias da Asociación de Mulleres Rurais de Vilaxoán Avelaíña achegaranse ao Grove e á illa de Sálvora.
+Convivencia, cun orzamento de 275.000 euros (un 25% máis que na primeira edición), está a permitir que 229 entidades sen fins de lucro coñezan o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. A Deputación oferta un amplo catálogo de actividades relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, relixiosa ou popular, co Camiño de Santiago ou cos museos, entre moitas outras. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPA da provincia.
O goberno provincial concede a cada entidade unha axuda de ata 1.200 euros (o ano pasado as axudas máximas eran de mil euros) para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Ademais, o número mínimo de persoas participantes en cada excursión é de 30, ou 20 no caso daquelas viaxes ou actividades nas que sexa necesario contratar autobuses e participen persoas con mobilidade reducida que precisen unha cadeira de rodas ou outras axudas técnicas.