A Deputación de Pontevedra participa no acto de inauguración da mellora da Casa do Pobo de Caroi, en Cerdedo-Cotobade

O deputado provincial Javier Tourís asistiu este sábado ao acto de inauguración das obras, que recibiron preto de 40.000 € a través do Plan +Provincia

20/12/2025

O deputado provincial Javier Tourís asistiu este sábado en Cerdedo-Cotobade ao acto de inauguración das obras realizadas na Casa do Pobo de Caroi, en Cerdedo-Cotobade, para a mellora da súa eficiencia enerxética. Para a súa execución, o organismo provincial aprobou unha achega de preto de 40.000 € con cargo á liña de investimentos do Plan +Provincia, que permitiu financiar parte das obras de mellora da antiga Casa-Escola de Caroi reconvertida agora en centro sociocultural para a veciñanza.

O deputado provincial deu conta dos traballos que se realizaron con estes recursos, cos que se solucionaron algúns dos problemas que presentaba a edificación, como as filtracións e humidades da fachada sur, a carencia de rotura de ponte térmica e de dobre acristalamento das carpintarías de aluminio, a falta de illamento térmico que provocaba manchas de humidade por condensación, a falta de instalación térmica ou a obsolescencia do sistema de depuración de augas. Os recursos provinciais permitiron financiar a substitución da folla interior de ladrillo por un revoco na cara interior do muro de granito, a realización dunha canle de recollida de condensacións, a substitución da carpintaría por unha nova de aluminio lacado branco, con rotura da ponte térmica e dobre acristalamento de baixas emisións, a instalación dunha estufa de pellets con canalización de aire ou a renovación do sistema de depuración de augas, entre outras actuacións dentro do proxecto de modernización desta infraestrutura municipal para reforzar a súa funcionalidade.

Javier Tourís lembrou que en 2025 Cerdedo-Cotobade recibiu máis de 850.000 euros a través do Plan +Provincia da Deputación. O deputado puxo en valor “o plan estrela da Deputación”, e asegurou que o +Provincia é “a esencia do noso municipalismo, inxectando recursos nos concellos para que poidan levar a cabo os seus proxectos con total autonomía e coa seguridade de que teñen neste goberno un aliado”.