A Deputación levará neste 2026 o programa +Xuntas a 207 asociacións de 53 concellos da provincia
O presidente Luis López recordou que esta iniciativa, cun orzamento de preto de 340.000 €, un 6% máis que o pasado ano, ten como obxectivo impulsar a formación das mulleres arredor de áreas centradas na tecnoloxía, a creatividade, a natureza e a saúde
10/04/2026
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a adxudicación das accións formativas do programa +Xuntas que chegarán, neste 2026, a 207 asociacións, federacións ou fundacións sen fins de lucro de 53 concellos da provincia. O presidente provincial, Luis López, recordou que esta iniciativa, cun orzamento de preto de 340.000 €, un 6% máis que o pasado ano, ten como obxectivo impulsar a formación das mulleres arredor de áreas centradas na tecnoloxía, a creatividade, a natureza e a saúde.
“Avanzamos -asegurou López-, con programas como +Xuntas, na mellora da formación básica e das condicións de vida das mulleres, creando redes de apoio para impulsar a súa participación na sociedade e o intercambio de experiencias, así como para xerar vínculos e fomentar as relacións interpersoais que rompan co illamento”. Neste eido, as accións formativas deste programa provincial chegarán a entidades dos concellos de Arbo, Bueu, Cambados, Caldas de Reis, O Campo Lameiro, Cangas de Morrazo, A Caniza, Catoira, Cerdedo Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, A Estrada, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Mondariz, Mondariz Balneario, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontevedra, O Porriño, Ribadumia, Redondela, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra do Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tui, Valga, Vigo, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.
As accións formativas de +Xuntas centraranse en cuestións relacionadas coa alfabetización dixital, as redes sociais e a administración electrónica, pero tamén coa pintura, o teatro, a lectura e a artesanía, ou coas plantas medicinais, a conservación de alimentos, a xardinería e horta ecolóxica e coa saúde a través de disciplinas como o ioga, pilates, taichí, ximnasia hipopresiva, musicoterapia ou, entre outras, risoterapia. Cada un destes obradoiros terá unha duración de 35 horas, contará coa participación de entre 20 e 25 persoas e incluirá un módulo específico de sensibilización sobre igualdade.
