A Deputación investirá máis de 230.000 € na mellora da mobilidade na estrada que une Fornelos de Montes con Estacas

A institución aproba o expediente de contratación das obras, coas que se actuará nun treito de 210 metros da EP-2801 para dotalo de beirarrúas máis amplas e zonas de convivencia

08/11/2023

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o expediente de contratación das obras de mellora da mobilidade peonil nun treito de 210 metros na EP-2801 Fornelos de Montes-Estacas, que transcorre integramente polo municipio de Fornelos de Montes. O proxecto, para o que a institución provincial e o Concello asinaron un convenio de colaboración, está dotado con 230.000 euros, dos que a Deputación achega o 80 % (184.000 euros) e o Concello o 20 % restante (46.000 euros). Garzas a este proxecto mellorará a funcionalidade da vía e a súa seguridade tanto para o tráfico rodado como para o peonil.

A zona de actuación correspóndese coa saída do núcleo urbano de Fornelos de Montes, cunha intensidade media diaria elevada pola súa conexión con varios núcleos de poboación. Na actualidade as beirarrúas neste treito non contan co ancho suficiente e mediante a solución proxectada daráselle prioridade ao tráfico peonil, polo que se incrementará o espazo para estas e se optará por zonas de convivencia onde o ancho non permita o cumprimento das condicións de accesibilidade.

A zona de convivencia localizarase no treito de edificación consolidada, ao inicio da actuación, e no resto do treito optarase por unha senda peonil de 2,50 metros de ancho que transcorrerá pola marxe dereita da vía. Cómpre ter en conta que á altura do P. Q. 0+150 existe unha curva moi pechada onde, á marxe esquerda, se atopan un lavadoiro e o edificio da praza de abastos, que teñen difícil acceso peonil precisamente pola falta de ancho suficiente para o tránsito.

O proxecto tamén inclúe a demolición dos pavimentos incompatibles coa nova solución e o fresado da calzada que se vai conservar. Na contorna da praza de abastos o pavimento substituirase por lastras de pedra. Ademais, tamén se executará unha prolongación das obras de drenaxe transversal, soterraranse as canalizacións de alumeado público e de electricidade en baixa tensión, substituirase a sinalización horizontal e vertical da vía, formarase un paso peonil elevado na parte final da actuación e disporanse dous treitos de varandas para a contención dos viandantes.