A Deputación saca a licitación o proxecto de transformación da estrada que une Fornelos de Montes con Estacas, cun investimento de máis de 230.000 euros

As empresas interesadas en presentar ofertas para esta actuación, que dotará de beirarrúas máis amplas e zonas de convivencia un treito de 210 metros da estrada provincial, terán de prazo ata o 1 de febreiro

16/01/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de sacar a licitación o proxecto de transformación da EP-2801 Fornelos de Montes-Estacas, no que investirá máis de 230.000 euros para dotar de beirarrúas máis amplas e zonas de convivencia un treito de 210 metros desta estrada provincial. As empresas interesadas en presentar ofertas para esta actuación, que tamén mellorará a funcionalidade da vía e a súa seguridade tanto para o tráfico rodado coma para o peonil, terán de prazo ata o 1 de febreiro.

A zona de actuación correspóndese coa saída do núcleo urbano de Fornelos de Montes, cunha intensidade media diaria elevada pola súa conexión con varios núcleos de poboación. Na actualidade as beirarrúas neste treito non contan co ancho suficiente e, mediante a solución proxectada, daráselle prioridade ao tráfico peonil, incrementarase o espazo das beirarrúas e optarase por zonas de convivencia naquelas zonas onde o ancho non permita o cumprimento das condicións de accesibilidade.

A zona de convivencia localizarase no treito de edificación consolidada, ao inicio da actuación, e no resto do treito optarase por unha senda peonil de 2,50 metros de ancho que transcorrerá pola marxe dereita da vía. Cómpre ter en conta que á altura do p. q. 0+150 existe unha curva moi pechada na que, á marxe esquerda, se atopan un lavadoiro e o edificio da praza de abastos, que teñen difícil acceso peonil precisamente pola falta de ancho suficiente para o tránsito.

O proxecto tamén inclúe a demolición dos pavimentos incompatibles coa nova solución e o fresado da calzada que se vai conservar. Na contorna da praza de abastos o pavimento substituirase por lastras de pedra.  Ademais, tamén se executará unha prolongación das obras de drenaxe transversal, soterraranse as canalizacións de alumeado público e de electricidade de baixa tensión, substituirase a sinalización horizontal e vertical da vía, formarase un paso peonil elevado na parte final da actuación e disporanse dous treitos de varandas para a contención das e dos viandantes.