Luis López recalca o apoio da Deputación aos concellos co investimento de 350.000 euros para modernizar a piscina municipal de Fornelos de Montes

O presidente da Deputación de Pontevedra visitou este mércores o Concello de Fornelos de Montes para asinar un convenio enmarcado no programa “PON2030” co alcalde Emiliano Lage

14/12/2023

Luis López e Emiliano Lage

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, visitou este xoves o Concello de Fornelos de Montes para asinar co rexedor, Emiliano Lage, un convenio de colaboración enmarcado no “Programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da Axenda 2030 (PON2030)”, a través do cal o Goberno provincial financiará con case 300.000 euros, o 85 % do orzamento, o proxecto para a rehabilitación das instalacións das piscinas municipais. O Concello, pola súa banda, achega o 15 % restante, preto duns 50.000 euros. Trátase de iniciativas que son posibles grazas á colaboración institucional e que contribúen a transformar e modernizar os equipamentos públicos pensados para o goce da veciñanza e que axudan a mellorar a eficiencia enerxética destas instalacións, explicou o mandatario provincial despois de asinar o acordo.

O proxecto, valorado en máis de 350.000 euros, supón a rehabilitación integral das piscinas e de toda a infraestrutura que presenta problemas de fugas e salubridade da auga, problemas de accesibilidade, un sistema de iluminación anticuado e irregularidades no céspede que bordea as piscinas. Con esta actuación, baseada en criterios de innovación, sustentabilidade e dixitalización e accesibilidade; as instalacións verán mellorados os peches perimetrais, a substitución dos valados para aproveitar toda a superficie da zona das piscinas, a accesibilidade ao complexo, así como a iluminación con tecnoloxía led e un sistema de bombeo e depuración máis moderno e seguro. Do mesmo xeito, repararanse os vasos das piscinas para acabar coas fugas e os problemas de control da calidade da auga. En resumo, unha actuación que fará das piscinas de Fornelos de Montes unha referencia en canto a eficiencia, sustentabilidade e accesibilidade.

Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre a Deputación e o Concello de Fornelos de Montes realízase coa modificación das bases do programa “PON2030” xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo Goberno provincial se vexa reducido.

O presidente da Deputación aproveitou a súa primeira visita institucional a este concello para resaltar a importancia deste tipo de proxectos que supoñen un avance no municipalismo que rexe a acción de goberno da Deputación e serven para mellorar as instalacións e a calidade de vida da veciñanza de municipios coma o de Fornelos de Montes.

Galerias de imaxes