A Deputación consegue converter ao Museo de Pontevedra no primeiro museo provincial de España en incorporarse ao “Laboratorio permanente de público de museos”
Rafa Domínguez: “Trátase dun paso máis para coñecer mellor as expectativas e intereses das persoas que visitan a colección permanente e as exposicións temporais e que participan nas actividades que programamos, así como para aliñar o noso traballo co que demanda a cidadanía”
22/02/2025
O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou o convenio entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Cultura polo que o Museo de Pontevedra se incorpora ao proxecto “Laboratorio permanente de público de museos”. Convértese así no primeiro museo provincial de España en sumarse a este instrumento creado en 2008, así como o primeiro de Galicia. “Trátase –tal e como explicou o vicepresidente da Deputación e responsable do Museo de Pontevedra, Rafa Domínguez,- dun paso máis para coñecer mellor as expectativas e intereses das persoas que visitan a colección permanente e as exposicións temporais e que participan nas actividades que programamos, así como para aliñar o noso traballo co que demanda a cidadanía”.
A incorporación do Museo de Pontevedra a este importante grupo de centros representados no “Laboratorio permanente de público de museos” ten por obxectivo afondar no estudo do público da institución e facelo dentro do proxecto máis relevante e de maior alcance neste eido en España. Deste xeito, o Museo participará no Laboratorio a través da incorporación á súa comisión permanente, que ten como funcións recoller e presentar iniciativas de investigación e aprobar ideas e proxectos para os plans de actuación do Laboratorio. O Museo acometerá agora o proceso de adaptar a metodoloxía e ferramentas de traballo empregadas na recolección de datos sobre visitantes, para adecualas ás empregadas nos demais centros que participan no proxecto, para así poder facer análises comparadas.
O “Laboratorio permanente de público de museos” é unha iniciativa da Subdirección Xeral de Museos Estatais, na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Belas Artes do Ministerio de Cultura, que busca converter a investigación sobre o público nun instrumento de xestión integrado na actividade habitual dos museos. A finalidade é que axude a planificar e programar tendo en conta as características e necesidades dos visitantes, así como ampliar e diversificar o seu perfil. Participan no Laboratorio os 16 museos de titularidade estatal adscritos á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Belas Artes, como son o Museo de América, o Museo Arqueolóxico Nacional ou o Museo do Romanticismo, entre outros. Tamén se incorporaron ao proxecto outros centros mediante convenio, como o Museo Reina Sofía, A Filmoteca Española e os museos da Comunidade Autónoma de Madrid.