O concerto de piano e frauta de Raúl Rodríguez e Manuel Morales pecha este martes ás 19:00 h no Museo o ciclo O Son do Piano

Mañá martes ábrese o prazo de inscrición no obradoiro Castelao e o Linogravado para público adulto

11/03/2024

Castro de Troña en Ponteareas

Este martes 12 de marzo péchase o ciclo de tres concertos O Son do Piano coa actuación do frautista Manuel Morales e mais o pianista Raúl Rodríguez. Ambos os dous presentarán o espectáculo ...Música, onte-hoxe..., unha perspectiva da música desde antano ata hoxe en día na que xuntan compositores de distintos períodos. Será ás 19:00 h no Edificio Castelao, con acceso libre ata completar a capacidade.

No programa do concerto, Rodríguez e Morales interpretarán a Sonata (1936) de Paul Hindermith, a Suite núm. 5 Op. 2 Mi menor (1715) de Jaque-Martin Hotteterre, a Sonatine (1943) de Henri Dutilleux, a Sonata KV 13 Fa maior (1764) de W. A. Mozart, Cantiga (2011) de Jesús González, Sonata Undine Op. 167 (1882) de Carl Reinecke, Preludio núm. 1 BWV 846 (c. 1722) de J. S. Bach e Spiegel im Spiegel (1978) de Arvo Pärt.

Manuel Morales é graduado polo Real Conservatorio Superior de Música de Madrid con mención de honor fin de carreira e no Real Conservatorio Superior de Música da Haia (Holanda) en frauta travesa e traverso barroco. Foi premiado no Concurso Internacional de Música de Cámara Guadamora en Pozoblanco (Córdoba) e na prestixiosa Baroque Flute Artist Competition en Dallas (EUA). É doutor en Música (Performance) pola Universidade de Aveiro (Portugal) e catedrático no Conservatorio Superior de Música de Vigo.

Raúl Rodríguez compaxina o seu labor de intérprete coa docencia na academia Bambera de Vigo. No seu repertorio mostra interese pola cultura musical galega. No ano 2021 recibiu o Premio Extraordinario Fin de Grao Superior, outorgáronlle o primeiro premio do VII Concurso de Música de Cámara do Conservatorio Superior de Vigo e o terceiro premio do VI Concurso de Solistas do Conservatorio Superior de Música de Vigo.

Inscrición ao obradoiro de Linogravado

Por outra parte, mañá martes ábrese o prazo para inscribirse no obradoiro para público adulto Castelao e o Linogravado, que terá lugar do 1 ao 4 de abril, de 17:00 a 19:30 h, cun total de 10 horas de duración. Hai 15 prazas dispoñibles, que se adxudicarán por rigorosa orde de inscrición a través de reservas.museo@depo.gal a partir deste martes 12 de marzo, ás 9:00 h; no correo indicarase o nome e o número de teléfono de contacto.

O obradoiro impartirano Nelson Gómez Callejas e Pilar Delmas Filgueira, que farán unha introdución ás características desta técnica e unha explicación da súa importancia en Pontevedra, onde foi introducida por Castelao logo da súa viaxe por Europa en 1921. Despois tivo continuidade na cidade grazas ao seu discípulo Luis Pintos Fonseca e ás ilustracións das revistas Cristal e Spes.

Durante o seu desenvolvemento, as e os participantes coñecerán o linóleo e a obra de Castelao baseada nesta técnica e a diferentes artistas que se inspiraron no de Rianxo. Ademais, aprenderán a facer rexistros seguindo os pasos das litografías e a estampar en papel especial e tea, ademais de achegarse ao mundo da caligrafía. As persoas participantes realizarán os seus propios gravados con linóleo e estamparanos en papel ecolóxico e mais nunha bolsa de tea ecolóxica.