A Deputación leva este sábado 18 de xullo un concerto de Vanesa Muela e A Banda Traka ata Rodeiro no marco do programa provincial +Música
A actuación terá lugar no parque do río ás 22:00 horas e enmárcase neste programa provincial que está dotado con 700.000 euros para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
15/07/2026
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 18 de xullo un concerto de Vanesa Muela e A Banda Traka ata A Lama enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial para apoiar a programación cultural nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar no parque do río, detrás do Concello, ás 22:00 horas.
Vanesa Muela é cantante, multiinstrumentista e divulgadora de música tradicional. No seu repertorio figuran xotas, romances, seguidillas, charros, etc. Comezou a cantar aos 4 anos e ao longo da súa carreira realizou miles de concertos. A súa actividade inclúe unha intensa labor de recuperación e difusión da tradición musical e no espectáculo que presenta en Rodeiro arrouparase de músicos do panorama moderno galego para facer un percorrido das músicas tradicionais baixo un enfoque fresco e innovador.
Este concerto é unha das 93 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.
