O programa “Musigal” da Deputación recala este sábado en Agolada cunha actuación de Lucía Pérez

A praza do Concello será o escenario do concerto a partir das 20:30 horas no marco da XXVI Mostra de Artesanía de Agolada

10/08/2023

A cantante Lucía Pérez ofrecerá este sábado 12 de agosto un concerto en Agolada, que arrancará a partir das 20:30 horas na praza do Concello dentro das actividades da XXVI Mostra de Artesanía que acolle a vila de Deza esta fin de semana. A actuación enmárcase no programa provincial “Musigal”, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra para contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia e para fomentar o uso e a normalización social da lingua.

Pérez, única galega en representar a España no Festival de Eurovisión, atópase inmersa na xira ‘Na miña pel’, na que presenta unha proposta baseada en cancións que forman parte da súa discografía, con éxitos dos seus anteriores traballos, combinadas con temas populares do folclore galego. No concerto estará acompañada no escenario por cinco músicos de gran traxectoria musical e tamén por Eva Faraldo, que acompañará o espectáculo coa súa danza.

Ademais de cantante, Lucía Pérez é artista e presentadora de televisión. Acumula 17 de anos de traxectoria e experiencia musical, cun total de sete discos no mercado. Mentres segue percorrendo escenarios, nestes momentos atópase gravando novas músicas que serán a antesala do seu próximo traballo discográfico.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 15 resultados.