O Museo de Pontevedra abre este xoves o Ciclo de Conferencias sobre a Semana Santa cun relatorio sobre as imaxes da Pascua pontevedresa na arte

A conferencia terá lugar no Edificio Castelao, ás 18:30 horas, e será impartida polo arqueólogo e antropólogo cultural Mateo Fontán

05/03/2024

Imaxe do ciclo de tres conferencias sobre a Semana Santa de Pontevedra

O Museo de Pontevedra acolle este mes un ciclo de tres conferencias sobre a Semana Santa de Pontevedra, organizada pola Confraría de Nuestro Padre Jesús con la Cruz a Cuestas. A primeira das citas terá lugar este xoves 7 de marzo, ás 18:30 horas, no Edificio Castelao e o relatorio será impartido polo arqueólogo e antropólogo cultural Mateo Fontán Couto, quen falará das “Imaxes da Semana Santa pontevedresa na arte”. O acceso será libre ata completar a capacidade.

Fontán Couto explicará a dilatada historia da Pascua pontevedresa, que afunde as súas raíces en tempos medievais para, en 1949, darlle paso ao actual cerimonial. No transcurso do tempo esta manifestación tradicional relixiosa deixou a súa pegada en diversas fontes artísticas: pintura, escultura, gravado ou debuxo. Na intervención, Fontán revisará os exemplos máis salientables da Semana Santa de Pontevedra na arte e realizará unha breve contextualización.

O ciclo continuará os dous seguintes xoves. O día 14, ás 19:30 horas, Paula Tilve Otero pronunciará a conferencia “A Virxe da Piedade a través da colección do Museo de Pontevedra”. A responsable da Área de Públicos do Museo de Pontevedra falará da representación da piedade de María ante a morte do seu fillo Xesús, un dos temas esenciais do culto mariano na Igrexa católica, moi presente nos pasos procesionais da Semana Santa desde a Contrarreforma. Tilve Otero fará un percorrido artístico por obras de grande interese histórico-artístico da colección do museo de diferentes épocas, moitas delas de artistas galegos coma Gregorio Ferro Requeixo, Juan Luis López ou Castelao.

A última conferencia do ciclo vaina impartir José Luis Ageitos Míguez, membro do Departamento de Educación do Museo de Pontevedra. Será o 21 de marzo, ás 19:30 horas, e nela repasará os 75 anos de historia da Confraría de Nuestro Padre Jesús con la Cruz a Cuestas, da que é vicepresidente. A charla toma como punto de partida o 31 de marzo de 1949, cando, durante os traballos que levaron á restauración da Semana Santa pontevedresa, un grupo de persoas decidiu fundar unha nova confraría penitencial que se sumase a esta iniciativa.