O Pleno aproba a modificación de crédito que financiará o novo Plan EXTRA e o de infraestruturas deportivas para os concellos e unha amortización de 19,5 M€ que deixará a Deputación con débeda cero

A ampliación orzamentaria, que contou co voto en contra de socialistas e a abstención de nacionalistas, tamén financiará unha nova edición do Erasmus+ ou a compra vehículos para entidades sen ánimo de lucro

30/09/2025

Pleno da Deputación

O pleno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar este martes unha modificación de crédito por valor de 64 millóns de euros para saldar a débeda de 19,5 millóns de euros que solicitara o anterior goberno para sufragar o programa ReacPon e dotar de financiamento as novas edicións do Plan Extra (38 millóns de euros( e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (8 millóns de euros). Unha modificación de crédito, financiada principalmente con remanente de tesourería e maiores ingresos procedentes da Participación nos Ingresos do Estado, que servirá para inxectar nas arcas dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia un importante financiamento e que saíu adiante polo voto favorable dos deputados do grupo popular, mentres que os do grupo socialista votaron en contra e os do BNG decidiron absterse. Na sesión tamén se aprobaron, por unanimidade, as bases de ambos plans.

A instancias do presidente, o pleno comezou cun minuto de silencio en sinal de respecto ás vítimas da guerra de Gaza. Acto seguido, tomaron posesión do seu cargo os novos deputados do grupo popular, Paula Bouzós, concelleira de Gondomar; e Pablo Castillo, alcalde de Covelo; que se incorporan á corporación provincial en substitución das xa exdeputadas Nava Castro e Sandra Bastos. Outros asuntos que foron aprobados por unanimidade nesta sesión foi o proxecto construtivo dun novo viario no Concello de Pontevedra que vai conectar as rúas Rosalía de Castro e Avenida de Marín, así como o cambio de titularidade de tres treitos viarios a favor do Concello de Cerdedo-Cotobade, a reformulación dos proxectos dos concellos de Arbo e Sanxenxo presentados ao Plan Extra e a adxudicación de dúas parcelas do polígono de barro Meis á empresa Transportes Cameselle.

128 millóns para pequenos e medianos concellos

O asunto central da orde do día do pleno foi o expediente de modificación de créditos para, principalmente dotar de fondos aos Plan Extra (35M€) e PEID (8M€) do vindeiro ano 2026 que, xunto co +Provincia e a posibilidade de adiantar recursos de anos futuros deste plan, porá a disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia a cifra histórica de 128 millóns de euros por parte da Deputación.

En concreto, esta modificación de créditos por valor de 64M€ destinarase, ademais destes dous plans de cooperación cos concellos, a financiar o proxecto Erasmus+, a executar melloras no Cine Fraga de Vigo, a realizar investimentos en favor de entidades de iniciativa social, a adquirir medios de transporte para entidades sen fins de lucro, a realizar reparacións e edificios do Museo de Pontevedra e á amortización do préstamo de 19,5 millóns de euros que subscribira a Deputación con dúas entidades bancarias para o financiamento do REACPon, que deixará ao goberno provincial con débeda cero. Esta modificación orzamentaria finánciase principalmente cos aforros da administración principal así como unha maior aportación da prevista inicialmente polo Goberno central a través dos PIE (Participación nos Ingresos do Estado).

Peinador

Tamén saíron adiante co voto favorable de PP e BNG a ordenanza reguladora do servizo de teleasistencia domiciliaria e a política de seguridade da información da Deputación, mentres que a moción presentada polo grupo popular para demandar ao Goberno de España e a Aena que potencien aeroportos como o de Peinador e o fagan atractivos para as aeroliñas e solicitar ao Concello de Vigo que se involucre tamén na defensa da terminal viguesa recibiu luz verde grazas ao voto a favor dos deputados populares, malia o rexeitamento dos socialistas e nacionalistas.

Pola contra, foron rexeitadas as propostas do BNG para aprobar unha liña de axudas para a mellora do patrimonio marítimo pesqueiro da provincia porque o expediente xa está tramitado, e dúas do PSOE para reclamar á Xunta a mellora do Servizo de Axuda no Fogar e que asuma a xestión e financiamento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES).

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 8 resultados.