Luis López destaca o labor das e dos guías turísticos no crecemento e consolidación da provincia de Pontevedra como un destino turístico sostible e ligado ao territorio

O presidente da Deputación conmemora o Día Internacional do Guía de Turismo cunha recepción no palacete das Mendoza, acompañado pola deputada Nava Castro, a estudantes do Juan XXIII que se forman para ser profesionais deste sector

21/02/2024

O presidente da Deputación conmemora o Día Internacional do Guía de Turismo

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, conmemorou este mércores o Día Internacional do Guía de Turismo cunha recepción no palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas en Pontevedra, a estudantes do centro especial de emprego Juan XXIII que participan nunha experiencia formativa para exercer como profesionais deste sector e que asistiron a nunha visita dirixida pola cidade da man da guía Tina Otero. Nun acto no que tamén estivo presente a deputada de Turismo, Nava Castro, o mandatario provincial recoñeceu o labor destas e destes profesionais no crecemento e consolidación das Rías Baixas como destino turístico e valorou a "iniciativa pioneira" na que participan estes sete alumnos do Juan XXIII.

Luis López felicitou polo seu traballo ao conxunto de guías profesionais que difunden a riqueza de toda a provincia en nome do Goberno provincial. "Destinos paradisíacos que imaxinabamos noutro lado, estamos a darnos conta de que os temos ao lado da casa, e que todo o mundo quere vir a coñecelo", recoñeceu o titular do executivo da Deputación.

Neste sentido, o mandatario provincial quixo poñer en valor o traballo que tamén desempeñan a diario as e os profesionais de Turismo Rías Baixas, encabezados pola deputada Nava Castro e pola xefa do Servizo de Turismo, Ruth González. "Imos seguir traballando con ese plan estratéxico de turismo que vai marcar os avances cara a onde temos que ir. O ano 2024 vai ser aínda máis exitoso, porque en 2023 aínda non tocamos teito", asegurou Luis López, quen quixo matizar que a sostibilidade e o respecto polo medio natural do territorio son principios inquebrantables.

Rematou o presidente da Deputación recordando a campaña 100 % Rías Baixas, presentada na pasada Feira Internacional de Turismo, na que se constatou que "temos un lugar onde todo o mundo ten posta a mirada", concluíu en referencia ao destino Rías Baixas, o favorito en portais para usuarias e usuarios de plataformas coma Booking á hora de planificar as súas vacacións.

Galerias de imaxes