“Pasalo”, o avó de CAAN, consegue un novo fogar en Rianxo

O can fora recollido en Sanxenxo en outubro do 2020 e era o que máis tempo levaba no centro de acollida da Deputación

17/01/2023

Pasalo e Coa

Boas novas para comezar o ano no CAAN. O Centro de Acollida e Protección de Animais da Deputación de Pontevedra vén de despedir a “Pasalo”, o can que máis tempo levaba nas instalacións da Armenteira, onde chegara en outubro do 2020 tras ser recollido en Sanxenxo. “Pasalo” viaxou nas últimas horas a Rianxo xunto a “Coa”, outra cadela do CAAN que tamén saíu en adopción cara ao mesmo fogar na localidade coruñesa.  

O can ten oito anos de idade e xunto a “Coa”, de dous anos, está xa a adaptarse perfectamente ao seu novo espazo, como destaca Ángel Antelo, o seu adoptante. “Están felices –di- e relaxados, paseando na finca”. Antelo comenta que soe convivir con dous cans e que os que tiña morreron o pasado ano. Á hora de apostar pola adopción no CAAN, elixiu a “Coa”, máis moza e que conserva o seu nome, e a “Pasalo”, que agora se chama “Nano”, “porque sempre me gusta ter un can maior, xa que a priori son os que teñen menos posibilidades de ter saída”.

Trala marcha de “Pasalo”, os animais que agora levan máis tempo no CAAN están no centro desde o ano 2021, cumpríndose deste xeito un dos principais obxectivos do centro, que é que os  animais atendidos pasen o menor tempo posible antes de acadar a súa adopción. Agora, a nova avoa do centro é “Faixa”, de seis anos de idade e que fora recollida en Vilanova de Arousa en febreiro do 2021 xunto aos seus 9 cachorros que xa foron adoptados.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.