O CAAN da Deputación rescata seis cachorros que foran arroxados a un colector en Moraña

Os animais recupéranse e evolucionan favorablemente nas instalacións da Armenteira

04/07/2023

Rescate de seis cachorros en Moraña

O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra vén de rescatar a seis cachorros que foran arroxados a un colector no municipio de Moraña e que se calcula que teñen tres semanas de idade. Os animais, tres femias e tres machos, atópanse en bo estado de saúde a pesar das circunstancias e seguen a recuperarse nas instalacións da área de maternidade do centro na Armenteira.

Foi a Agrupación de Protección Civil de Moraña a que deu o aviso sobre o achado dos cachorros, que foron trasladados ao Centro dependente da institución provincial. Son tres femias, ás que se lle deu o nome de Sary, Maguy e Tula, e tres machos, chamados Tulo, Golfo e Tuco. No CAAN están a recibir os coidados necesarios ata completar o proceso para saír en adopción, que se prevé nun par de meses en canto conten coa pauta de vacinación completa. Amais, os animais sairán desparasitados interna e externamente e con chip.  

Na actualidade, hai 52 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes adheridos ao CAAN, que segue mantendo a premisa de fomentar o dereito á vida dos animais, erradicar o abandono e promover as adopcións. O centro traballa 24 horas ao día os 365 días do ano, con servizos de recollida e veterinario de urxencia. As adopcións son gratuítas e o persoal asesora as persoas sobre o can ou cadela que pode adaptarse mellor ás súas necesidades. Tanto para visitas como para formalizar  as adopcións pídese cita previa nos teléfonos 986 140 360 ou  886 217 391.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.