O CAAN da Deputación supera as 200 adopcións nos primeiros catro meses deste 2023

A cifra de 227 animais que atoparon un novo fogar supón unha media diaria de  adopcións de 2 cans e cadelas que na súa maior parte  foron na provincia lideradas por Vigo e Pontevedra

05/05/2023

CArmela Silva

O primeiro cuatrimestre deste 2023 está volvendo amosar unha enorme concienciación cidadá na adopción de animais e, deste xeito o Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra logrou dar saída a un total de 227 cans e cadelas desde o 1 de xaneiro ao 30 de abril, unha cifra que deixa unha media de case 2 animais por día (1,8). Galicia e os municipios da provincia seguen a liderar o número de adopcións, aínda que unha vintena de animais viaxou a outras comunidades do territorio nacional, a maioría a Castela e León, un dato que como subliñou a presidenta provincial, Carmela Silva, “significa que este centro é unha gran referencia como centro de acollida e adopcións”. Con estas cifras, o CAAN vén de superar as 4.000 desde o ano 2015.

Das 227 adopcións desde xaneiro, a maioría foron en Galicia (199), seguidas de Castela e León (14), Castela A Mancha (6), Cataluña (4), Asturias (2) e Madrid (1). No que se refire á comunidade, 142 foron na provincia de Pontevedra, 25 en Lugo, 25 en Ourense e 6 na Coruña. O Concello con máis adopcións na provincia foi Vigo (24), seguido de Pontevedra (20) e Meis, Nigrán e Redondela, con 8. Por outra banda, tamén están entre os que máis adopcións acadaron Sanxenxo, con 7, Ribadumia e Cambados 5 e A Estrada, Lalín e Poio, 4.

“A cara escura”, como lamentou Carmela Silva, está nas recollidas. Desde o pasado 1 de xaneiro foron un total de 460, aínda que case a metade destes animais puideron ser recuperados polos e polas súas propietarias, ben no lugar onde se produciu o aviso (147) ou ben no propio centro (74). Porén, seguen producíndose lamentables episodios de abandono e maltrato, o máis recente a pasada semana, en que o CAAN rescatou a tres cachorros no municipio de Covelo que foran deixados nun saco de penso xunto a un colector de lixo. Un deles faleceu xa no centro, mentres que as dúas femias recollidas, Xoldra e Naira, dunha semana de vida, seguen evolucionando favorablemente. Neste senso, Carmela Silva incidiu na necesidade desde as administracións de seguir a “denunciar actuacións que son imperdoables nunha sociedade na que debemos loitar contra o maltrato animal”.

Explicou así mesmo que as dúas cadeliñas están neste momento nunha casa de acollida na que unha persoa voluntaria estalles a coidar e alimentar con biberón, como parte dun proxecto posto en marcha polo CAAN que implica a estas persoas voluntarias en casas de acollida para atender a cachorros recen nados que necesitan alimentarse con leite. Unha vez que xa poden alimentarse con penso, regresan ás instalacións da Armenteira. A primeira vez que se puxo en marcha foi en febreiro, cunha camada de seis cachorros rescatados en Meis que pasaron tamén pola mesma casa de acollida, e amais atoparon xa un novo fogar desde alí antes de regresar ao CAAN. “É unha boa forma de implicar a sociedade neste bo trato aos animais que nos acompañan”, destacou a presidenta.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.