Luisa Sánchez destaca a posición de Vigo como referente internacional na construción naval de alto valor durante a botadura do ‘A22 Proserpina’ nos estaleiros Freire

13/04/2026

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este luns na botadura do buque ‘A22 Proserpina’ nos estaleiros vigueses Freire, unha nova embarcación destinada á Armada Española que reforzará as capacidades operativas no ámbito das intervencións subacuáticas. A representante provincial puxo en valor o sector naval da provincia e, en particular, da industria viguesa como referente internacional na construción de buques de alto valor.

O ‘A22 Proserpina’ é un barco de apoio a mergulladores que suporá un salto cualitativo para a Armada Española, ao incorporar tecnoloxías avanzadas e melloras operativas destinadas á formación e ao desenvolvemento de misións subacuáticas. O buque contará cunha eslora próxima aos 30 metros e capacidade para unha dotación base de 11 persoas, ampliable ata 30 efectivos.