Luisa Sánchez apoia ao Celta en Friburgo de cara ao partido de ida dos cuartos de final da UEFA Europa League
09/04/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra e deputada de Deportes, Luisa Sánchez, desprazouse este xoves ata Friburgo para amosar o seu apoio ao RC Celta de Vigo no partido de ida dos cuartos de final da UEFA Europa League fronte ao SC Freiburg. Durante a súa estadía, a representante provincial compartiu momentos con representantes do club e con seareiros desprazados ata a cidade alemá para animar ao equipo vigués nesta cita chea de ilusión para o celtismo.
Luisa Sánchez destacou a satisfacción que supón ver ao Celta competir en Europa e quixo poñer en valor o compromiso da afección: “É emocionante comprobar como a familia celeste responde sempre, tamén fóra da casa. O Celta leva o nome de Vigo e de toda a provincia por Europa, e iso énchenos de orgullo”. A vicepresidenta desexou ao conxunto adestrado por Claudio Giráldez “o mellor resultado posible para apuntalar a eliminatoria no enfrontamento de volta en Balaídos”.
