A Deputación ultima o prazo para que os colectivos de benestar social soliciten os 600.000 euros das axudas provinciais para financiar obras nos seus centros

As obras, realizadas durante os anos 2025 ou 2026, deberán ter un custo mínimo de 100.000 euros dos que a Deputación financiará ata 80.000 euros

14/03/2026

A Deputación de Pontevedra pecha o próximo martes 17 de marzo o prazo para que as entidades sociais da provincia soliciten os recursos postos á súa disposición a través dunha nova liña de axudas, dotada de 600.000 euros, destinada a financiar obras nas súas instalacións durante os anos 2025 e 2026. As axudas buscan promover a mellora, a adecuación e a modernización dos seus inmobles e as bases da convocatoria poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

Con estes recursos da Deputación, que forman parte do programa Impulsa Benestar, as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro da provincia de Pontevedra poderán facer fronte aos gastos derivados das obras de construción, rehabilitación, ampliación, conservación, mellora e reforma dos seus inmobles, que deberán ser de titularidade propia ou ter sobre eles un dereito de uso por un mínimo de cinco anos a contar desde a finalización do prazo para solicitar as axudas. Deste xeito, quedarían excluídos os inmobles que ocupen en réxime de alugueiro. As obras deberán ter un orzamento mínimo de 100.000 euros, mentres que a Deputación achegará ata un máximo do 80% do seu orzamento total e de 80.000 euros.

Con esta iniciativa, que reforza o compromiso do goberno provincial coas entidades de iniciativa social da provincia, promóvese a mellora destes inmobles onde as entidades prestan actividades de interese social. A Deputación impulsa así que poidan financiar actuacións destinadas á conservación e funcionalidade dos edificios, a eficiencia enerxética, a seguridade de uso e accesibilidade universal.

As axudas son unha resposta a unha demanda das entidades detectada no programa Provincia +Inclusiva. A Deputación decidiu aumentar o obxecto e contido das súas axudas tendo en conta, ademais, que a mellora das instalacións dos centros significará mellorar a atención ás persoas usuarias: a adaptación dos inmobles ás normas de edificación, eficiencia enerxética, accesibilidade e habitabilidade impactará positivamente na saúde e benestar daquelas persoas que utilicen as instalacións.