Luis López defende o poder da “palabra” para construír unha sociedade en igualdade na presentación da oitava edición do foro “As mulleres que opinan son perigosas”

O presidente provincial, xunto ás organizadoras Diana López e Susana Pedreira, dá coñecer o programa dun evento de referencia que se celebrará na provincia os días 14 e 15 de marzo

19/02/2025

Presentación de Mulleres que Opinan 2025

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou a importancia da “palabra como a primeira pedra no camiño da igualdade” na presentación da oitava edición do foro “As mulleres que opinan son perigosas”, un evento que conta co apoio do ente provincial e que se celebrará en Pontevedra os días 14 e 15 de marzo. Xunto coas organizadoras do congreso, Diana López e Susana Pedreira; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; e o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez; o mandatario provincial celebrou tamén que un foro destas características, que suma oito anos de traxectoria e máis de cen poñentes, se celebre na capital da provincia. “Estamos ante un foro que podería celebrarse nalgunha das cidades máis grandes de España pero, a cambio, celébrase nunha das máis importantes: Pontevedra”, agradeceu o titular do goberno provincial.

A oitava edición de “Mulleres que opinan son perigosas” celebrarase os días 14 e 15 de marzo no Teatro Principal de Pontevedra. Trátase dun foro no que este ano participarán xornalistas e profesionais do sector da comunicación chegadas de todos os recunchos do país. O programa comezará ás 12 horas do venres 14 de marzo coa inauguración a cargo das organizadoras Susana Pedreira e Diana López para continuar ao longo de toda a xornada coas conferencias de María Piñeiro e Antía Yáñez, gañadoras do segundo Premio de Opinión #MulleresQueOpinan; de Noelia Adánez, coordinadora da sección de Opinión no diario Público; de Aida Bao Pena, xornalista da Cadena SER; de Inés Martín Rodrigo, xornalista e escritora do grupo Prensa Ibérica e RNE; e de Anna Bosch, corresponsal de TVE. Ao día seguinte continuará o programa cos relatorios de María Hermida, xornalista de La Voz de Galicia, de Macarena Baena, responsable de EFE Feminista; de Blanca Lacasa, xornalista e escritora; de Raquel Rosa, xornalista da Radio Galega; de Ana Marcos e Elena Reina, do equipo de investigación de abusos no cinema de El País; de Olga Rodríguez, xornalista especializada en dereitos humanos de Eldiario.es; e pechará esta edición a recoñecida e xa xubilada xornalista de TVE María Escario.

“Menos mal que existen persoas que dicides as cousas como hai que dicilas. Estas palabras pertencen á xornalista María Piñeiro, gañadora o ano pasado dos premios Mulleres que Opinan. Coido que as súas palabras, aínda que leven a súa firma persoal, poderían ser as de moitas que viron, escoitaron ou participaron neste. Opinadoras que se recoñeceron nas historias doutras, profesionais –do xornalismo pero tamén doutros eidos profesionais— que se sentiron directamente interpeladas por cada conferencia; e mulleres en xeral que, como María Piñeiro, aplauden a celebración dun foro onde se pon luz e palabra onde ata hai pouco só había escuridade e silencio”, valorou o presidente Luis López na presentación do programa que tivo lugar nas escaleiras do exterior do Teatro Principal de Pontevedra.

Un acto no que tamén tivo palabras de recoñecemento e agradecemento para as promotoras e organizadoras dun evento que xa é unha referencia a nivel local, autonómico e nacional á hora de defender a igualdade. “Os proxectos consolidados son enganosos en certa medida. Semella que se organizan por inercia, pero en realidade Diana e Susana pasan moito traballo para traer á provincia, a Pontevedra, o mellor cartel de opinadoras que pode haber en España neste momento. Dar as grazas é o mínimo”, subliñou o dirixente provincial.

Así mesmo, Luis López reafirmou o apoio e colaboración do ente provincial a un foro que demostra que “non só as administracións organizan eventos de igualdade. Mulleres que Opinan é voso e de todos, nós só somos humildes colaboradores”, puntualizou. Neste sentido, o titular do goberno provincial recalcou tamén a aposta da Deputación pola igualdade. “A Deputación estará aí para apoiarvos, a través dun servizo que sabe de igualdade, e que sabe da importancia da comunicación para conquistala. Non en van, aí está a nosa nominación aos Premios Ondas ao mellor podcast en lingua cooficial polo ciclo Aquí Faltan Páxinas”, lembrou o presidente.

Para rematar a presentación Luis López fixo un chamamento á participación nesta oitava edición deste recoñecido foro de opinión. “Un ano máis, haberá un foco de atención galego e nacional aquí, os días 14 e 15 de marzo, para escoitar as “opinións perigosas” das participantes. Se pechar fendas de xénero, se derrubar marcos mentais desfasados e se procurar entre todos unha sociedade en igualdade implica algo de perigo, pois asumímolo con pluralidade, con unidade e ata con algo de retranca, como facedes vós”, concluíu o presidente da Deputación de Pontevedra.

Galerias de imaxes

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.