A Deputación renova o seu compromiso co foro As mulleres que opinan son perigosas nunha edición marcada polos reencontros e o diálogo con anos anteriores

Trátase dun evento consolidado que reivindica, en palabras do vicepresidente Rafa Domínguez, “que as mulleres que opinan non só existen, senón que son necesarias”

24/02/2026

Rafa Dominguez presentación mulleres que opinan

O Pazo provincial da Deputación acolleu este martes a presentación da novena edición de As mulleres que opinan son perigosas, o foro que reivindica a necesidade de poñer o xornalismo no centro para reivindicar o papel dos medios e as profesionais do oficio en tempos de desinformación. O vicepresidente Rafa Domínguez, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e as promotoras, as xornalistas Susana Pedreira e Diana López Varela, presentaron o evento, que volverá ao Teatro Principal de Pontevedra os días 13 e 14 de marzo dialogando coas participantes de anos anteriores nun dobre sentido: acollendo os relatorios de profesionais recomendadas por elas e ‘desvirtualizando’ as que participaron en liñas nas edicións marcadas pola pandemia da COVID-19.

O vicepresidente Rafa Domínguez lembrou que se trata dun evento “consolidado” que reivindica “que as mulleres que opinan non só existen, senón que son necesarias”, e tamén que esta novena edición “abre unha nova era pero seguindo cos mesmos principios e a mesma ilusión, poñendo en valor a rede e a comunidade que se crea a través deste foro pioneiro”. Coas novidades “As mulleres que opinan son perigosas avanza, botando a ollada atrás a todo ese camiño percorrido, pero sempre reivindicando a necesidade de seguir rodeándose de profesionais, das que botaron semente e das que veñen pisando forte: aprendendo da experiencia e analizando os novos formatos cos que gañar novos públicos”.

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra puxo o foco tamén nas datas de celebración do foro, no marco da programación deseñada pola institución provincial co gallo do 8 de marzo que presentará proximamente o presidente Luis López. “Esta campaña tamén falará da corrente de desinformación que pon en dúbida a igualdade ou nega a existencia da violencia de xénero”, adiantou Rafa Domínguez, que asegurou que o apoio ás Mulleres que opinan son perigosas é unha mostra máis “do noso compromiso coa igualdade, coas mulleres e coa lealdade institucional, a través da colaboración co Concello de Pontevedra que tamén apoia este evento, porque a sociedade ten que ir todas a unha para reclamar o que é de xustiza e que as mulleres estean representadas non só en todos os sectores, senón en todas as esferas”.

As mulleres que opinan son perigosas regresa nesta segunda etapa cun cartel que amosa que este foro é unha rede e unha comunidade, pero mantendo a fidelidade cos seus sinais de identidade: rodearse de referentes da profesión para reivindicar o camiño andado por elas ata a actualidade, protagonismo para as profesionais locais e galegas, relatorios pendentes da actualidade, temáticas novas, inaugurar coas gañadoras do noso Premio de Opinión Mulleres que Opinan, mesturar rostros coñecidos con outras profesionais que fan un traballo moi especializado, e xornalismo social.

Programa da novena edición

Trala benvida institucional, o foro comezará o venres 13 de marzo ás 12:30 horas coas gañadoras do III Premio #MulleresQueOPinan, Alba Chaves Abelleira e Dores Tembrás. A continuación, ás 13:15 horas, Alba Moledo Ucha (xornalista do Diario de Pontevedra) ofrecerá o relatorio “Historia dunha tese: Mari Luz Morales, unha pioneira rescatada”. Trala pausa para o xantar, retomarase ás 17:00 horas con Fátima Frieiro Santaya (xornalista do Diario de Arousa) falando sobre “Datos, voces e contexto: claves para o tratamento informativo das violencias machistas”. A continuación, ás 17:45 horas Rebeca Yanke García (xornalista en El Mundo) ofrecerá o relatorio “Xornalismo, psicoloxía e saúde mental: unha cuestión de responsabilidade”. Seguiralle Carmela Ríos Calvo (xornalista, profesora e opinión en El País) ás 18:30 horas con “O desafío da desinformación”. Pechará a xornada ás 19:15 horas Remedios Zafra Alcaraz (escritora e investigadora, Premio Nacional de Ensaio 2025) con "Liberar o tempo propio: repensar a nosa relación co traballo”.

Os relatorios do sábado comezarán ás 12:00 horas con Nieves Domínguez Amil (xornalista de La Voz de Pontevedra) e “Actualidade e deportes en clave local”, seguida ás 12:45 horas por Isabel Coello Cremades (xornalista e creadora do pódcast La casa grande) con “Un refuxio compartido: narrando a historia das superviventes de maltrato” e ás 13:30 horas por Sara Morales Fuentes (xornalista e directora da revista musical Efe Eme) cun relatorio sobre “As mulleres no xornalismo musical”. Pola tarde retomarase ás 17:00 horas con Eva Vázquez Lima (xornalista delegada de Atresmedia Galicia e coordinadora dos centros territoriais de Antena 3 Noticias en España) con “Ao mando da coordinación informativa” e, a continuación, ás 17:45 horas Ebbaba Hameida Hafed (xornalista en RTVE e en Reporteiros Sen Fronteiras) co relatorio "Xornalismo sen fronteiras: mulleres e información en países musulmáns" e ás 18:30 horas Andrea Proenza Zoroquiain (xornalista, opinión en elDiario.es) con "Amor, desexo e as súas representacións culturais". A encargada de pechar o encontro será Helena Resano Lizaldre, xornalista en La Sexta Noticias, que ofrecerá a súa visión sobre “Vinte anos de actualidade en directo”.

Galerias de imaxes