A Deputación e o Concello de Pontevedra abren a partir deste luns o prazo para presentar artigos aos premios #MulleresQueOpinan
Os premios chegan á súa cuarta edición promovendo o exercicio da opinión xornalística por parte das mulleres e fomentan o nacemento dunha nova canteira de opinadoras
15/03/2026
Trala celebración do noveno foro As mulleres que opinan son perigosas esta fin de semana no Teatro Principal de Pontevedra, a Deputación e o Concello de Pontevedra abren este luns 16 de marzo o prazo para presentar artigos á cuarta edición dos premios #MulleresQueOpinan. Estes galardóns pretenden promover o exercicio da opinión xornalística por parte das mulleres (especialmente as máis novas) e fomentar o nacemento dunha nova canteira de opinadoras. O prazo de presentación estará aberto ata o 10 de abril.
A Deputación e o Concello de Pontevedra premiarán, con 1.000 euros cada un, os mellores artigos de opinión escritos en galego e en castelán sobre as temáticas que se abordaron no encontro, ou tamén sobre a súa experiencia como espectadora ou asistente, sempre que quede acreditada a asistencia e que se inspire neste para escribir opinión. Ademais do premio monetario, os artigos tamén se publicarán nos principais xornais da provincia de Pontevedra.
Os artigos presentados, orixinais, deben contar cunha extensión máxima de 3.000 caracteres (titular incluído e sen contar espazos). Estes poden ser tanto inéditos como de xornalistas que cubriran as xornadas do foro e publicaran os seus textos nos medios que traballan. O xurado terá en conta a calidade, a perspectiva de xénero, a defensa dun xornalismo feminista, a mención ao evento e o uso de linguaxe inclusiva nos textos.
Na novena edición do foro As mulleres que opinan son perigosas, integrado na campaña A nosa meta: a igualdade, participaron Alba Moledo Ucha, Fátima Frieiro Santaya, Rebeca Yanke García, Carmela Ríos Calvo, Remedios Zafra Alcaraz, Nieves Domínguez Amil, Isabel Coello Cremades, Sara Morales Fuentes, Eva Vázquez Lima, Ebbaba Hameida Hafed, Andrea Proenza Zoroquiain e Helena Resano Lizaldre.