A Deputación inicia esta semana catro novos obradoiros do programa Provincia activa para impulsar o envellecemento activo
Preto de 80 veciños e veciñas de Cangas do Morrazo, Cuntis, O Grove e Silleda comezan accións centradas en musicoterapia, pandeireta e canto popular, plantas medicinais e conservación da memoria
02/06/2025
A Deputación de Pontevedra continúa desenvolvendo os obradoiros do programa Provincia activa, unha iniciativa que busca impulsar o envellecemento activo das persoas maiores da provincia, así como fomentar a participación e crear espazos de encontro e intercambio de experiencias. Preto de 80 persoas maiores de catro asociacións de Cangas do Morrazo, Cuntis, O Grove e Silleda comezarán a desfrutar das actividades formativas do programa a partir desta semana. Este mércores comezarán as primeiras novas accións da semana, concretamente no Grove, onde 20 persoas da Asociación de Xubilados e Pensionistas da localidade participarán nun curso sobre conservación da memoria. E en Silleda outras 20 persoas da Asociación Veciñal-Cultural Cortegada (Avecuco) comezarán a recibir formación sobre pandeireta e canto popular. O xoves darán comezo as outras dúas accións de Provincia activa desta semana. A primeira delas será en Cangas do Morrazo, cun obradoiro de plantas medicinais onde participarán 15 persoas da Asociación de Veciños de Gandón, e a segunda en Cuntis, onde 24 mulleres da Asociación de Mulleres de Troáns asistirán a un obradoiro de musicoterapia. En total, a Deputación ofertou neste 2025 14 obradoiros no catálogo de Provincia activa divididos en seis bloques temáticos: “Benestar natural” (Plantas medicinais), “Saúde en movemento” (Pilates, ioga e ximnasia de mantemento para persoas maiores), “Emociónate” (Conservando a memoria, Musicoterapia, Risoterapia e Terapia emocional: Positividade e canalización das emocións), “Outra vida” (Teatro e Restauración de mobles e tapicería), “Con ritmo!” (Bailes de salón e Pandeireta e canto popular) e “Reder@s” (Habilidades dixitais para uso cotián e Informática. Nivel Avanzado). Provincia Activa conta este ano cun orzamento de 146.000 euros e ao longo do 2025 desfrutarán dos obradoiros 130 entidades de 40 concellos da provincia.