A Deputación inicia esta semana 27 novos obradoiros do programa Provincia Activa para impulsar o envellecemento activo
Máis de 500 veciños de 16 concellos comezarán accións centradas en teatro, pandeireta e canto popular, conservación da memoria, ximnasia de mantemento ou habilidades dixitais
08/09/2025
A Deputación de Pontevedra continúa coa programación de obradoiros de Provincia Activa, iniciativa coa que impulsa o envellecemento activo das persoas maiores, fomentando a súa participación para crear espazos de encontro e intercambio de experiencias. Esta semana, desde este luns 8 ata o venres 12 de setembro, comezarán 27 novas accións con outras tantas entidades sociais que mobilizarán un total de 509 veciños de 16 concellos da provincia: Bueu, Caldas de Reis, Cangas do Morrazo, Covelo, A Estrada, Fornelos de Montes, A Illa de Arousa, Lalín, Moaña, Mos, Pontevedra, Redondela, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Soutomaior e Vigo.
Este luns 8 de setembro comezarán cinco obradoiros, entre eles dous de ximnasia de mantemento para os usuarios do Centro Social Cultural Recreativo e da Terceira Idade de San Vicente de Trasmañó (Redondela) e da Asociación de Veciños Heroes de Pontesampaio (Pontevedra). Tamén dará inicio un curso de risoterapia na Asociación da Terceira Idade Garatuxa das Nosas Rúas (Vigo), un de conservación da memoria para a Asociación de Veciños Monte da Mina de Castrelos (Vigo) e, finalmente, un de pilates para os usuarios do Centro Cultural e Veciñal San Xorxe (Salceda de Caselas).
O martes 9 comezarán dous cursos de bailes de salón para ATEGAL (Vigo) e a Asociación de Xubilados e Pensionistas Caldenses (Caldas de Reis). Ademais, un obradoiro de risoterapia para a Agrupación Cultural Xunco (Salceda de Caselas), un de informática avanzada para a Asociación Veciñal Novo Vigo, un de teatro para a Asociación Amigos de Los Pazos (Vigo), un de conservación de memoria para a Asociación Mulleres de Gresande (Lalín), un de habilidades dixitais para uso cotián para a Asociación de Mulleres Rurais San Vicente de Paul (A Illa de Arousa) e outro de pilates para a Asociación Cultural Reiriz 2016 A Queimada (Pontevedra).
O mércores 10 os usuarios da Asociación Cultural Virxe da Luz de Casteláns (Covelo) comezarán un obradoiro de conservación da memoria, o Club de Xubilados e Pensionistas Vila de Bueu un de bailes de salón, o Club de Xubilados e Pensionistas de Portonovo (Sanxenxo) un de ximnasia de mantemento, a Asociación do Centro Recreativo e Cultural de Torroso (Mos) un de teatro e a Asociación de Veciños de San Pedro de Matamá A Unión (Vigo) un de habilidades dixitais para uso cotián. Os inicios continúan o xoves 11 da man da Asociación de Veciños de San Benito de Romariz (Soutomaior), cun taller de risoterapia, e a Asociación de Mulleres Rurais San Miguel de Cora (A Estrada), cun de conservación de memoria.
Por último, o venres 12 comezarán dous obradoiros de risoterapia onde participarán usuarios da Asociación de Veciños e Centro Cultural de Santo Estevo de Negros (Redondela) e a Asociación de Mulleres en Igualdade de Bendoiro (Lalín), así como un obradoiro de conservación da memoria coa Asociación de Pensionistas de Ariño Aldán (Cangas do Morrazo), un de pilates coa Asociación de Mulleres Rurais A Xuntanza (Fornelos de Montes), un de bailes de salón coa Asociación Cultural Santo Tomé de Piñeiro (Pontevedra), un de pandeireta e canto popular para a Asociación Recreativa e Cultural de Guizán (Mos) e mais un de habilidades dixitais para uso cotián coa Asociación Club de Xubilados e Pensionistas Santa Eulalia de Meira (Moaña).
A Deputación ofertou neste 2025 14 obradoiros no catálogo de Provincia Activa, divididos en seis bloques temáticos: “Benestar natural” (Plantas medicinais), “Saúde en movemento” (Pilates, ioga e ximnasia de mantemento para persoas maiores), “Emociónate” (Conservando a memoria, Musicoterapia, Risoterapia e Terapia emocional: Positividade e canalización das emocións), “Outra vida” (Teatro e Restauración de mobles e tapicería), “Con ritmo!” (Bailes de salón e Pandeireta e canto popular) e “Reder@s” (Habilidades dixitais para uso cotián e Informática. Nivel Avanzado). Provincia Activa conta este ano cun orzamento de 146.000 euros e ao longo do ano desfrutarán dos obradoiros 130 entidades de 40 concellos da provincia.